- Ratifica o compromiso da Xunta co acompañamento ao tecido empresarial, con instrumentos como a Oficina Económica de Galicia dependente do Igape ou os plans directores por sectores
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2024.- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por aproveitar a boa marcha da economía galega para seguir incrementando o peso da industria no PIB autonómico e dar pulo ao desenvolvemento enerxético de Galicia.
Lorenzana interveu hoxe na presentación do Plan estratéxico 2024-2027 da Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción. Alí, puxo de manifesto que Galicia está recuperando as cifras de crecemento anteriores á pandemia, tanto en termos de PIB -cunha suba de máis de catro puntos-, como de paro –que descende máis de nove puntos-, ou de emprego industrial, ao tempo que segue marcando récords en exportacións.
“Partimos dunha boa situación para facer moitas cousas a partir do momento en que estamos”, aseverou, aludindo aos retos económicos que hai aínda por diante, como conseguir que o peso da industria no PIB alcance o 20 por cento, ou estabilizar o binomio industria e enerxía, dados os recursos naturais dos que Galicia dispón. “Todo o desenvolvemento enerxético xera moito valor na industria”, dixo ao respecto.
Nesta liña, fixo referencia ás medidas que está a poñer en práctica a Xunta de Galicia entre as que destacou os plans directores para os sectores estratéxicos (automoción, metalmecánico, naval, forestal-madeira, TIC e loxística industrial). “É moi relevante coñecer onde estamos desde o punto de vista territorial, das infraestruturas que se van realizar, da loxística, do talento, da formación das persoas. Se non sabemos iso tampouco imos ser capaces de deseñar políticas públicas adecuadas ás necesidades dos sectores da economía galega”, abondou.
Referiuse, tamén, á Oficina Económica de Galicia como un “soporte personalizado” para as empresas desde o Igape, que se completa coa estratexia de aceleración industrial que a Xunta puxo en marcha e que garante para os proxectos estratéxicos con máis de 800.000 euros de investimento unha tramitación en menos dun ano.
Así mesmo, lembrou que, na nova estrutura da Xunta de Galicia, as competencias relativas a solo empresarial vaian estar concentradas a partir de agora na Consellería de Economía e Industria. “É importante que nesa visión global e nesa planificación industrial e enerxética de Galicia teñamos capacidade tamén para coñecer o solo que existe e desenvolvelo onde sexa necesario”, manifestou.
Con respecto ao sector da construción puxo de relevo o seu peso, que achega o 5,7 por cento do PIB autonómico. E salientou, tamén, que é unha industria extensa que en Galicia abrangue diversas actividades e que afronta retos como a sustentabilidade, a eficiencia enerxética, a economía circular, a dixitalización e a formación.
A conselleira de Economía e Industria concluíu destacando o traballo que está a realizar o Clúster da Construción para que todo o sector funcione como un ecosistema, e apelando á colaboración público-privada. “Nós non entendemos o mundo empresarial se non é falando coas empresas”, apostilou.