O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, recoñeceu hoxe que a misión comercial que a Xunta organizou esta semana a Colombia permite a Galicia afianzar a internacionalización da súa economía, con acordos de colaboración nos sectores naval, TIC e aeroespacial.
Conde resaltou que foi unha viaxe na que se puido constatar que o interese por estreitar lazos de colaboración entre Galicia e Colombia é recíproco, tanto a nivel económico como cultural. E, ao respecto, quixo agradecer, en particular, ao presidente Iván Duque, o modo en que se envorcou o Goberno colombiano pola receptividade e o acompañamento que brindou á delegación galega ao longo de toda a axenda no país.
Segundo dixo, a Xunta puido corroborar que son moitas as oportunidades que se presentan para consolidar as relacións económicas entre ambos os dous países, fundamentalmente, nos sectores dos que forman parte o medio cento de empresas que participaron nesta misión comercial xunto aos clústeres do naval (Aclunaga) e o TIC.
No naval, abondou, porque Galicia pode e quere seguir achegando a súa experiencia e coñecemento tecnolóxico á industria naval de Colombia. No contract, porque a pegada das empresas galegas neste país —como é o caso de Aluman— é evidente e porque Latinoamérica se presenta con un mercado en expansión. No TIC porque estamos ante un sector clave nesta era dixital na que tanto Galicia como Colombia —con Medellín como modelo— están a dar pasos moi importantes en materia de administración dixital ou e-saúde, nos que agora se vai afondar co acordo subscrito con Antioquia. E na pesca porque é unha industria con arraigo en ambos os dous casos e con perspectivas no eido da transformación e en materia de control e trazabilidade.
Conde lembrou que Galicia levou a Colombia proxectos estratéxicos como o Polo Aeroespacial ea Cidade das TIC e confirmou o interese do Goberno do país de visitar este ano as instalacións de Rozas; ao igual que a presenza dunha delegación de empresas colombianas do naval en Navalia, en maio.
Ábrense vías de colaboración importantes e o reto que hai agora por diante é o de saber identificar en que ámbitos e proxectos Galicia e Colombia poden ir da man, afirmou o vicepresidente, e apuntou que as oportunidades de colaboración serán maiores na medida en que saibamos crear sinerxías ante desafíos globais como a economía verde e a dixitalización.
Dentro deste espírito de cooperación enmárcase o acordo de irmandade subscrito por Galicia e a rexión colombiana de Antioquia, que ten como obxectivo desenvolver sinerxías e identificar oportunidades en sectores importantes para ambos os dous territorios, como é o eido portuario, a industria agroalimentaria, o ámbito educativo e a formación, así como o turismo.
Sobre este último, cómpre lembrar tamén a colocación do primeiro fito conmemorativo do Camiño de Santiago que se localiza a máis de 3000 metros de altura; concretamente, no santuario do Señor de Monserrate, en Bogotá.