- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na celebración do décimo aniversario deste grupo de networking que suma 38 empresas que xeran máis de 400 empregos
- Resalta o amplo abano de ferramentas e liñas de actuación que a Xunta impulsa cada ano para colaborar co tecido empresarial galego na súa internacionalización, no financiamento ou na dixitalización e innovación
Vigo, 16 de marzo de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Vigo na celebración do décimo aniversario de BNI Sinergia, onde puxo en valor o papel que xoga esta entidade na área de Vigo, fomentando a cooperación empresarial na procura de mellorar a competitividade do tecido produtivo.
“O que fai que BNI Sinergia sexa especial é a vosa vontade de servir, de contribuír activamente ao éxito dos demais”, sinalou Toca, quen destacou, tamén, a importancia da cooperación público-privada para seguir medrando a través da internacionalización, da innovación e da sustentabilidade.
Neste sentido, a directora do Igape expuxo o amplo abano de ferramentas e liñas de actuación que, cada ano, a Xunta pon á disposición do tecido empresarial, entre as que destacou, no eido da internacionalización, as novas convocatorias de bolseiros e xestores, que facilitan ás pemes galegas contratar profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior; ou as liñas Galicia Exporta, para empresas e organismos intermedios, que promoven a diversificación de mercados e a internacionalización.
Así mesmo, e no tocante ao financiamento, lembrou que está aberta unha nova edición da liña de préstamos directos, para mellorar as condicións de acceso ao crédito do tecido produtivo, favorecendo a entrada a instrumentos de débeda. E no relativo á dixitalización e innovación, resaltou a nova convocatoria de Centros de Fabricación Avanzada para promover espazos colaborativos e infraestruturas locais, e as axudas á dixitalización, que permiten impulsar procesos de transformación nas pemes galegas.
“Desde a Xunta queremos acompañarvos no voso camiñar diario. Un camiño que, no voso caso, configúrase desde a colaboración e o intercambio de ideas”, subliñou a directora do Igape, quen concluíu agradecendo o labor de BNI Sinergia, que aglutina 38 empresas que xeran máis de 400 empregos.