A Xunta aposta pola transformación dixital para garantir a competitividade e a internacionalización do tecido empresarial galego

Luns, 21 Marzo 2022 13:27
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, inaugura un webinario sobre o programa Galicia Exporta Dixital, aberto á presentación de solicitudes ata o vindeiro 27 de abril e que ofrece a pemes e autónomos ferramentas dixitais innovadoras para promover as súas vendas no exterior
  • Destaca que ata o de agora o programa permitiu impulsar máis de 330 plans de internacionalización encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en máis de 90 países, por importe de preto de 12M€
  • Subliña que o Galicia Exporta Dixital se complementa cos Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, liñas publicadas o pasado xoves 17 de marzo, e que contan cun orzamento de 7,5M€ para o ano 2022
  • Pon en valor as axudas á dixitalización das pemes, os programas de apoio ao emprendemento, ou a liña de servizos ReAcciona, aplicada tanto a ámbitos de desenvolvemento estratéxico, como á innovación e á adopción de solucións de dixitalización

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe no webinario Galicia Exporta Dixital, organizado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Ecoomía, Empresa e Innovación en colaboración co Hub de Innovación Dixital Datalife, e no que puxo en valor a aposta da Xunta pola transformación dixital para garantir a competitividade e a internacionalización do tecido empresarial galego.

Un compromiso que, como afondou, se sustenta sobre distintos programas e liñas de actuación, entre os que destacou o propio Galicia Exporta Dixital, que ten aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 27 de abril, ofrecendo a pemes e autónomos ferramentas dixitais innovadoras para promover as súas vendas no exterior.

A nova edición conta cun orzamento de 4,4 millóns na procura de facilitar aos beneficiarios acometer actuacións de consultoría como diagnóstico de potencial exportador dixital, plans de internacionalización dixital multicanle, plans de mercados electrónicos concretos ou cubrir gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital. Tamén adquirir software relacionado con solucións tecnolóxicas para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais, programación a medida, solucións de analítica ou intelixencia automatizada así como de inbound márketing ou mesmo crear e adaptar tendas online.

O director do Igape destacou que, a través deste programa, a Xunta ten impulsado ata o de agora máis de 330 plans de internacionalización encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en máis de 90 países, por importe de preto de 12M€.

Unha liña que, como explicou, se complementa cos programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, publicados o pasado xoves 17 de marzo e que, cun orzamento de 7,5M€ para o ano 2022, aspiran tamén a facilitar a internacionalización do tecido produtivo galego, permitindo a realización de accións de promoción exterior xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas ga¬legas nos mercados internacionais.

Neste marco, Guldrís resaltou tamén as axudas á dixitalización das pemes, para a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos ou proxectos de desenvolvemento tecnolóxico, da que está previsto activar unha nova convocatoria no segundo trimestre do ano.

Así mesmo, o director do Igape expuxo, entre o mapa de axudas do Instituto, os programas de apoio ao emprendemento Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, e a liña de servizos ReAacciona, aplicada tanto a ámbitos de desenvolvemento estratéxico, como á innovación e á adopción de solucións de dixitalización.

“Temos que axudar a identificar as novas oportunidades que teñen ao seu alcance as nosas empresas para mellorar a súa competitividade e a súa aposta pola internacionalización. Estou seguro que os servizos e axudas que ofrecen as distintas liñas de apoio á dixitalización nas que hoxe se afondará, son unha boa ferramenta para seguir por este camiño”, concluíu.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis