Lorenzana avanza que a Xunta prepara un plan estratéxico para o sector da automoción que se presentará nos cen primeiros días da lexislatura

Mércores, 06 Marzo 2024 19:25
  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na inauguración da XXXIII edición do Salón do Automóbil e Motocicleta Vigo 2024
  • Lembra que a automoción abrangue o 15 por cento do emprego industrial na Comunidade e representa máis do 16 por cento do PIB
  • Avoga polo traballo conxunto de todas as administracións para que motores industriais como é o caso de Stellantis teñan os fondos europeos precisos para continuar avanzando co seu crecemento

 

Vigo, 6 de marzo de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia está elaborando un plan estratéxico para o sector da automoción que se presentará nos primeiros cen días da lexislatura.

Lorenzana participou hoxe na inauguración da XXXIII edición do Salón do Automóbil e Motocicleta Vigo 2024, que considerou un “éxito absoluto” e de gran importancia para toda a cadea do sector en Galicia. Un sector, lembrou, que abrangue o 15 por cento do emprego industrial na Comunidade e representa máis do 16 por cento do PIB.

Na súa intervención, a conselleira avogou polo traballo conxunto de todas as administracións para facer fronte aos retos que ten por diante esta industria, que pasan, dixo, pola electrificación e a descarbonización pero, tamén, “por que esa outra pata da cadea de valor que é a distribución e a comercialización funcione con normalidade”, abondou.

“Temos que traballar xuntos para apoiar esa transformación progresiva, esa transición cara á electrificación e o automóbil de baixas emisións. Polo tanto, o noso papel ten que ser, por unha banda, traballar para que motores industriais como pode ser Stellantis teñan os fondos europeos precisos para continuar avanzando co seu crecemento e no seu asentamento na comunidade autónoma; e para que a industria auxiliar aquí na provincia de Pontevedra e en Galicia continúe desenvolvéndose”.

Ao respecto, puxo de manifesto as medidas de apoio ao sector adoptadas pola Xunta, tanto no ámbito industrial como comercial. Apuntou, así, que acaba de ser declarado sector estratéxico, o que permitirá potenciar o seu desenvolvemento e competitividade a través dun plan director propio. E tamén citou as axudas para a compra de vehículos de baixas emisións, para apoiar economicamente ás familias e darlle seguridade xurídica á hora de mercar un automóbil novo.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis