A Xunta reforza a aposta pola internacionalización cunha nova antena do Igape en Emiratos Árabes

Venres, 01 Marzo 2024 15:27
  • Permitirá identificar oportunidades de negocio, atender a demanda de información e ofrecer servizos de apoio nun mercado en auxe que inclúe outros países do golfo Pérsico como Arabia Saudita, Irán, Kuwait, Omán ou Qatar e que suma 147 millóns de habitantes
  • O obxectivo é potenciar as relacións comerciais e incrementar as exportacións das empresas galegas cara a rexión, que nos últimos catro anos xa medraron un 40 %
  • Só no ano 2023, este mercado xeográfico supuxo un volume de exportacións de 265 millóns para máis dun centenar de empresas galegas que venderon a algún destes países

 

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2024
 

A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro de traballo cos responsables da nova antena da Xunta en Emiratos Árabes. O obxectivo é facilitar o camiño das empresas galegas tanto no país de destino como na rexión do golfo Pérsico, procurando achegar información e acompañar ás pemes nos seus proxectos de internacionalización.

Esta nova antena súmase a outras xa existentes en México, EEUU (Miami), Marrocos e China, estando prevista tamén a apertura en Xapón ao longo deste exercicio.
“O cometido das antenas é facilitar a cooperación do tecido empresarial con potenciais clientes e institucións dos mercados de destino, facilitándolles servizos personalizados como axendas de negocio, apoio en accións de promoción, prospeccións de mercado misións comerciais ou axudas para a implantación en destino”, apuntou a directora.

Neste marco, cómpre salientar a importancia da nova antena de Emiratos Árabes de cara a identificar oportunidades de negocio, atender a demanda de información e ofrecer servizos de apoio á internacionalización nun mercado en auxe que inclúe outros países como Arabia Saudita, Irán, Kuwait, Omán ou Qatar e que suma, de modo conxunto, 147 millóns de habitantes.

O obxectivo, explicou Toca, é “potenciar as relacións comercias e incrementar as exportacións das empresas galegas a estes mercados”; unhas vendas ao exterior que nos últimos catro anos xa medraron un 40 % na rexión, oscilando en función do país de destino. Así, mentres cara a Emiratos Árabes, Bahrein, Omán e Kuwait, o volume de exportacións creceu entre o 18 e o 32 %, en Qatar medraron un 52 % e en Arabia Saudita incrementáronse ata nun 130 %.

Estas porcentaxes, indicou, falan da importancia dun mercado no que as exportacións galegas destacan hoxe en día nos sectores do téxtil e da automoción. Neste sentido, as vendas ao exterior de ambas industrias supoñen máis do 55 % do conxunto de España na rexión.

Así mesmo, só no ano 2023, este mercado xeográfico supuxo un volume de exportacións de 265 millóns para máis dun centenar de empresas galegas que venderon a algún destes países. Con todo, a rexión ten unha capacidade de importación media superior aos 100.000 millóns polo que, dado o crecemento do seu PIB -a taxa media anual supera o 5 %-, a renda per cápita -35.733 euros- e a tendencia alcista no volume de exportacións de Galicia, hai unha gran marxe de manobra para potenciar a internacionalización das pemes galegas.

Así, a Xunta segue a reforzar a súa aposta pola internacionalización na procura de manter o ritmo exportador do tecido empresarial galego, que pechou o 2023 con rexistros históricos ao superar, por primeira vez, os 30.000 millóns en vendas ao exterior.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis