A Xunta aposta pola internacionalización e a captación de investimentos para impulsar o crecemento empresarial

Xoves, 22 Febreiro 2024 12:38
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron en Santiago na xornada Investir en ciencia si é rendible: impacto e retorno
  • A directora do Igape sitúa a busca de novos mercados como “parte do ciclo de vida dunha empresa” ao permitir consolidar o seu crecemento e aproveitar novas oportunidades e resalta que Galicia pechou 2023 cun novo récord exportador ao superar, por primeira vez, a barreira dos 30.000 millóns
  • Destaca a importancia da Oficina Económica de Galicia na captación de investimentos, ao permitir facilitar información, asesoramento e acompañamento no impulso de novas iniciativas nunha única canle
  • Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación subliñou a aposta do Goberno galego por fortalecer o ecosistema galego de I+D+i, focalizar os esforzos en tecnoloxías disruptivas (os vehículos aéreos non tripulados, as tecnoloxías cuánticas e a biotecnoloxía) e impulsar novos instrumentos de apoio

 

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron hoxe na xornada Investir en ciencia si é rendible: impacto e retorno. Na súa intervención, a directora do Igape puxo en valor a importancia da aposta pola internacionalización e a captación de investimentos para facilitar o crecemento empresarial. Neste sentido, Toca avogou pola cooperación público-privada para acompañar a emprendedores e empresarios no seu desenvolvemento. Un itinerario, expuxo, no que se debe apostar tamén pola saída ao exterior como “parte do ciclo de vida dunha empresa”, toda vez que a procura de novos mercados permite consolidar o seu crecemento e aproveitar novas oportunidades.

Para acadar estas metas, a directora do Igape lembrou que a Estratexia de Internacionalización da Xunta inclúe distintas ferramentas e liñas para colaborar co tecido empresarial neste eido. Un traballo conxunto, afondou, que ten permitido pechar o 2023 cun novo récord exportador ao superarse, por primeira vez na historia, a barreira dos 30.000 millóns en vendas ao exterior.

“Esta aposta pola internacionalización configúrase como unha vía de dobre sentido”, afondou Toca Carús, sinalando que “resulta imprescindible que esa apertura e as condicións do noso mercado atraian investimentos produtivos e sensibles aos principais vectores de crecemento futuro: a innovación e dixitalización e a sustentabilidade”.

Neste contexto, a directora do Igape resaltou a posta en marcha este ano da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento. Esta Oficina, explicou,  é unha nova variante dentro da batería de medidas de apoio ás empresas, que buscan dar un salto en innovación tecnolóxica, automatizando e axilizando os procesos internos e mellorando a competitividade empresarial no cambiante escenario actual.

Unha aposta, expuxo a directora do Igape, que se está a complementar con outras iniciativas como os Centros de Fabricación Avanzada ou a nova liña de Centros de Dixitais, que facilitan a creación de infraestruturas compartidas para as empresas galegas; ou como a aposta polas startups, coa activación da primeira liña específica de apoio a este tipo de compañías como da nova business factory ambiental (Clima – Tech).

“Dixitalización, internacionalización, apoio financeiro, transición ecolóxica ou a aposta polo talento son algunhas das bases do noso traballo. Un marco no que buscamos contribuír a impulsar un crecemento sólido e de longo alcance para crear cadeas de valor no tecido produtivo”, concluíu Toca.

Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou na súa intervención que a Xunta de Galicia realizou un cambio na última década na política de I+D+i orientado a mudar as estruturas de gobernanza coa creación da Comisión Interdepartamental de I+D+i, fortalecer o ecosistema galego de I+D+i, focalizar os esforzos en tecnoloxías disruptivas (os vehículos aéreos non tripulados, as tecnoloxías cuánticas e a biotecnoloxía) e impulsar novos instrumentos de apoio, como o programa de Misións ou a Compra Pública de Innovación. Este esforzo materializouse en resultados como un incremento do 80% no investimento en I+D+i da Xunta de Galicia desde 2019 ou o maior investimento de toda a serie histórica en I+D segundo datos do INE referidos a 2022.

Por último, a directora de Gain fixo mención a parte ao programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, pola súa contribución á transformación do modelo económico de Galicia, a través da creación de spin-offs e acordos coa industria, a captación de investimento público-privado dos proxectos impulsados e a creación de más de 100 empregos altamente cualificados.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis