A Xunta facilita o acceso ao financiamento de pemes e autónomos cunha nova edición do programa que porá en circulación 80 M€

Mércores, 17 Xaneiro 2024 17:55
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, asinou hoxe un convenio con representantes de Afigal, Sogarpo e Iberaval para poñer en marcha un ano máis unha liña que permitirá tanto bonificar os tipos de xuro dos préstamos de xeito moi favorable como a obtención de avais para as operacións
  • O goberno galego destina 12 M€ a esta iniciativa que posibilitará un milleiro de operacións nas que pemes e autónomos poden financiar investimento e circulante, ou refinanciar préstamos anteriores
  • O programa, que se publicará no Diario Oficial de Galicia en próximas datas, permanecerá aberto á presentación de solicitudes ata o 30 de setembro

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, asinou esta mañá un convenio con representantes das Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) Afigal, Sogarpo e Iberaval, na procura de facilitar, un ano máis, o acceso ao financiamento de pemes e autónomos galegos.

Así, este convenio que, segundo explicou a directora do Igape se sitúa no marco das actuacións que promove o Goberno galego para axudar a pemes e autónomos a reforzar a súa solvencia e darlle acceso a crédito, permitirá ao tecido empresarial “gañar músculo, manter e xerar emprego, e desenvolver proxectos que contribúan á reactivación económica e a competitividade dos sectores estratéxicos galegos”. 

Con estes obxectivos, explicou Toca, no acordo asinado hoxe a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, destina 12 M€, que porán en circulación 80 M€ nun millar de operacións nas que pemes e autónomos poden financiar investimento e circulante, dando a posibilidade tamén de aplicar os fondos ao pagamento ou á reestruturación de débedas con entidades financeiras; e, por outra parte, favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros. Estas condicións terán aínda máis flexibilidade no caso das empresas da cadea mar-industria.

Neste marco, expuxo a directora, a modalidade de apoio consistirá tanto na bonificación do tipo de xuro dos préstamos outorgadas polas entidades financeiras adheridas ao programa, como na bonificación da comisión do aval, e no reaval do risco asumido polas SGR que faciliten o acceso ao crédito.

Así, detallou Toca, as contías dos préstamos oscilan entre os 3.000 euros e 1 M€, cunha vixencia de 3 a 15 anos no caso dos préstamos para investimentos e circulante, e ata 5 anos nas operación de garantías.

A concesión das axudas, cuxo período de solicitude comezará en vindeiras datas, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e permanecerá aberto ata o 30 de setembro, será por concorrencia non competitiva. Deste xeito son subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras ata o esgotamento do crédito. Así, apuntou a directora, axilízase a execución desta liña de financiamento para pequenas e medianas empresas e autónomos que teñen o seu domicilio social e desenvolven a súa actividade económica en Galicia.

“En definitiva, trátase de ofrecer ao tecido empresarial galego as mellores condicións de financiamento para fortalecer a súa solvencia. Por este motivo, mantemos intactas as capacidades de investimento tradicionais de fondo perdido e préstamos e avais, e reforzamos os fondos de apoio necesarios para unha adaptación ao escenario actual”, informou Covadonga Toca.

Préstamos directos

Nesta mesma aposta polo financiamento do tecido empresarial, o Goberno galego vén de abrir a liña de préstamos directos, que suma 30 M€ na procura de promover a competitividade de pemes e autónomos galegos, mellorando as condicións de acceso ao crédito.

Unha liña que, xunto aos investimentos estratéxicos, presenta este ano dúas grandes novidades: dun lado, a concesión de préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior e, doutro, os préstamos para financiar circulante para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira.

  • O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia a creación dunha área específica de innovación dotada con mais de 60 M€ para fortalecer o tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta reforza o seu compromiso co emprendemento innovador como “chave do futuro económico de Galicia”
    Ler máis