A Xunta destina máis de 9 M€ á internacionalización de pemes e autónomos galegos contribuíndo á diversificación de novos mercados

Luns, 08 Xaneiro 2024 09:59
  • O Goberno galego abre unha nova convocatoria dos programas Galicia Exporta Empresas, Organismos Intermedios e Dixital na procura de incentivar a realización de accións de promoción exterior que xeren vantaxes competitivas na proxección e o posicionamento do tecido produtivo galego nos mercados internacionais
  • Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios suman 5 M€ para actividades de difusión e a participación en eventos expositivos no exterior, así como accións de prospección internacional para proxectos individuais ou coordinados por agrupacións empresariais
  • A nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital contará con 4,2 M€ para mellorar as vendas internacionais de pemes, autónomos e comercios a través de ferramentas dixitais innovadoras

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as novas convocatorias dos programas Galicia Exporta EmpresasGalicia Exporta Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital, tres liñas de apoio que suman máis de 9 M€ na procura de promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos.  

O obxectivo destes programas, impulsados pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, é apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización. 

Neste marco, cun importe de 4,2 M€, actívase unha nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital. O obxectivo desta liña é permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización, e actívase para dar resposta á demanda crecente das empresas galegas para acometer os seus procesos de dixitalización internacional.  

Cun gasto subvencionable por empresa que oscilará entre os 12.000 e os 100.000 euros, o programa cobre ata o 60% do custo dos proxectos, podendo solicitarse os apoios ata o 4 de marzo. 

Esta liña compleméntase coas de Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, que contan cun orzamento de máis de 5 M€ para o ano 2024 na procura de incentivar á realización de accións de promoción exterior que permitan xerar vantaxes competitivas na proxección e o posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais, tanto entre pemes e autónomos -Galicia Exporta Empresas-, como en asociacións empresariais, consellos reguladores, clústeres empresariais e centros tecnolóxicos -Galicia Exporta Organismos Intermedios-. Para acadar esta meta apóianse actuacións de difusión, de promoción e de prospección en mercados internacionais.  

As axudas, que se poden solicitar ata o 5 de febreiro, cobren ata o 70% dos gastos subvencionables aprobados tanto ao abeiro do Galicia Exporta Organismos Intermedios, que apoia proxectos colectivos, como no caso dos proxectos individuais acollidos á liña Galicia Exporta Empresas.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis