A Xunta avoga por reducir a burocracia administrativa na procura de atraer novos investimentos a Galicia

Venres, 01 Decembro 2023 13:09
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, e a directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez, participaron na mesa redonda ‘Instrumentos públicos como impulso para o desenvolvemento empresarial’, onde destacou que a nova Oficina Económica de Galicia permitirá reducir ata nun 50% os tempos de tramitación dos expedientes administrativos
  • Lembra que o próximo ano o Igape destinará 111M€ para a posta en marcha de instrumentos financeiros que, conxuntamente e en coordinación cos fondos xestionados por Xesgalicia, permitirán mobilizar o gasto empresarial
  • Subliña o compromiso coa internacionalización, cunha nova liña para impulsar a promoción no exterior e a exportación de produtos e servizos así como a implantación noutros mercados

Ourense, 1 de decembro de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, acompañada da directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez, participou esta mañá na mesa redonda Instrumentos públicos como impulso para o desenvolvemento empresarial, desenvolvida en Ourense no marco de Futurgal 2023. Un escenario no que Toca Carús puxo en valor algunha das liñas principais de actuación do Instituto de cara ao ano que vén, entre as que destacou a nova Oficina Económica de Galicia, que permitirá reducir a burocracia administrativa na procura de atraer novos investimentos cara a Comunidade. 

Esta Oficina, expuxo a directora, configúrase como unha canle única que actuará como punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais, facilitando información, asesoramento, acompañamento, apoio e acceso a financiamento, con persoal especializado. O obxectivo é reducir ata nun 50% os tempos de tramitación tanto dos expedientes administrativos como dos pagos. 

Esta aposta compleméntase con varios programas encamiñados á mellora da competitividade do tecido productivo. Un eido no que, como incidiu, se centrarán gran parte das liñas de actuación do próximo exercicio e que sumará preto de 80 M€ do total do orzamento do Igape. Para iso, habilitaranse distintas ferramentas, entre as que destaca a nova liña de incentivos e apoios para á atracción e implementación de empresas, con 30 M€ en tres anos en proxectos significativos, tanto por volume de investimento como por creación neta de emprego.   

Acceso ao financiamento

Así mesmo, as contas prevén tamén máis de 111 M€ para a posta en marcha de instrumentos financeiros que, conxuntamente e en coordinación cos fondos xestionados por Xesgalicia, permitirán mobilizar o gasto empresarial.

 

Neste sentido, a directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez, destacou a aposta do organismo por financiar o emprendemento. “O financiamento ás novas iniciativas empresariais de recente creación volve ser, no curto prazo, un dos nosos grandes obxectivos, para o que ampliamos a nosa colaboración en novos programas de impulso ao emprendedor. Ademais, seguimos poñendo ao dispor das empresas galegas, ou daquelas que desexen desenvolver unha actividade económica en Galicia, fondos especialmente orientados ao apoio á modernización do tecido produtivo”, afondou.  

Un traballo que se complementa, desde o Igape, con outras actuacións entre as que destacan máis de 34 M€ en préstamos para investimentos estratéxicos, que por primeira vez terán en conta tamén ás grandes empresas e do que se espera alcanzar un forte efecto multiplicador na economía galega e a modernización tecnolóxica do tecido produtivo.  

Covadonga Toca resaltou, tamén, que o orzamento do Igape manterá o compromiso coa internacionalización, na procura de seguir contribuíndo ao “mellor ciclo exportador da historia de Galicia”. Entre as actuacións, destaca unha nova liña de apoio á internacionalización de empresas para impulsar a promoción no exterior e a exportación de produtos e servizos así como a implantación noutros mercados. 

Unha novidade que se complementa con outras liñas que xa veñen desenvolvendo, como o Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital, que sumarán preto de 5 M€ para seguir promovendo plans de promoción internacional e accións de internacionalización dixital.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis