O orzamento do Igape chega no 2024 aos 213 M€ na procura de atraer investimentos e consolidar a aposta pola internacionalización e o financiamento

Luns, 06 Novembro 2023 21:01
  • A directora do Instituto Galego de Promoción Económica presenta no Parlamento as contas do seu departamento para o vindeiro exercicio, que aspiran a “seguir construíndo, xuntos, esa Galicia máis sustentable, máis verde, máis preparada, con máis e mellor talento e máis competitiva”
  • Pon en valor a nova Oficina Económica de Galicia, unha canle única para “todos aqueles interesados en investir na nosa terra” que busca reducir a burocracia administrativa ao máximo
  • Subliña a “ampla batería de medidas de apoio” impulsadas para mellorar a produtividade, entre as que destacan preto de 80 millóns destinados a ferramentas que permitirán ao tecido empresarial mellorar as súas capacidades competitivas
  • Avanza unha nova liña de incentivos e apoios para á atracción e implementación de empresas, con 30 M€ en tres anos en proxectos significativos por volume de investimentos e por creación neta de emprego
  • Sinala que as contas destinan 111 millóns para atender as necesidades de financiamento do tecido empresarial galego, incluíndo máis de 34 M€ en préstamos para investimentos estratéxicos
  • Salienta a “decidida aposta pola internacionalización” na procura de manter e mellorar “o mellor ciclo exportador da historia de Galicia”

 

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2023
 
A directora do Igape, Covadonga Toca, avanzou hoxe que os orzamentos do Instituto para o vindeiro ano chegarán case ata os 213 millóns de euros, unha suba de algo máis do 3% que permitirá tanto a redución de burocracia administrativa para atraer novos investimentos como a consolidación da aposta pola internacionalización e o financiamento.
 

“Os orzamentos do Igape medran na procura de seguir construíndo, xuntos, esa Galicia máis sustentable, máis verde, máis preparada, con máis e mellor talento e máis competitiva”, apuntou Toca Carús, quen subliñou que as todas as actuacións se sustentan na colaboración público-privada co obxectivo de promover a transformación dixital, apostar polo talento, facilitar o financiamento, impulsar a busca de novos mercados e reducir a burocracia.

 

Precisamente neste eido, a directora do Igape apuntou unha das grandes novidades do próximo exercicio, a creación da Oficina Económica de Galicia. Esta Oficina, adscrita ao Instituto e dotada con 5,7 M€, explicou, constituirase como canle única para empresa e industria, sendo o punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais, facilitando información, asesoramento, acompañamento, apoio e acceso a financiamento. Algo para o que contará, tamén, con persoal especializado de todas as áreas, entre outras a industrial.

 

“O Igape reactívase, así, sumando un papel decisivo á batería de medidas de apoio ás empresas, que buscan dar un salto en innovación tecnolóxica, automatizando e axilizando os procesos internos e facilitando un entorno intuitivo e amigable; que buscan, en definitiva, mellorar a competitividade empresarial no cambiante escenario do noso tempo”, apostilou Toca.

 

A mellora da competitividade empresarial

Esta aposta pola competitividade, aclarou, centrará gran parte dos programas do vindeiro exercicio, sumando preto de 80 M€ do total do orzamento do Igape. Deste xeito, afondou a directora, habilitaranse distintas ferramentas, entre as que destacou a nova liña de incentivos e apoios para á atracción e implementación de empresas, con 30 millóns en tres anos en proxectos significativos, tanto por volume de investimento -entre 800.000 e 10 M€ en activos fixos tanxibles e intanxibles- como por creación neta de emprego -máis de 25 novos postos de traballo-.

 

Unha liña, continuou Toca Carús, que se complementa con outra das novidades para o 2024, o programa de apoio a sustentabilidade e competitividade das empresas galegas, para o que se destinarán 1,3M€ en dous anos promovendo investimentos específicos para os proxectos de todo o campo ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza).

 

Así mesmo, a directora do Igape avanzou tamén o mantemento doutras actuacións como os Centros de Fabricación Avanzada, que sumarán 7,2 millóns para seguir a promover espazos colaborativos e infraestruturas locais que permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores; e os obradoiros e os programas para a dixitalización, con case 8 millóns para facilitar proxectos neste eido.  

 

Acceso ao financiamento

“E máis alá do compromiso inalterable polo crecemento continuo do tecido produtivo galego, os orzamentos do Igape atenden, como cada ano, ás necesidades de financiamento de empresas, pemes e autónomos”, proseguiu a directora do Igape, que indicou que as contas prevén máis de 111 millóns para a posta en marcha de instrumentos financeiros que, conxuntamente e en coordinación cos fondos xestionados por XesGalicia, serviran para mobilizar o gasto empresarial.

 

Neste campo están previstos máis de 34 millóns en préstamos para investimentos estratéxicos, que por primeira vez terán en conta tamén ás grandes empresas e do que, como sinalou a directora, se espera “acadar un forte efecto multiplicador na economía galega e a modernización tecnolóxica do tecido produtivo”.

 

Así mesmo, activaranse outros instrumentos como os préstamos parcialmente reembolsables, que, cun orzamento de máis de 7,2 millóns, permiten financiar proxectos de investimentos como a compra de maquinaria e renovación dos equipos nas empresas; ou os convenios con entidades bancarias e sociedades de garantía recíproca (SGR), que facilitan o acceso ao financiamento das empresas para circulante, e para os que haberá un investimento de máis de 7 millóns que permitirán mobilizar 80 millóns nas empresas.

 

O mellor ciclo exportador da historia de Galicia

A directora do Igape destacou, tamén, o reforzo da aposta pola internacionalización que supoñen as contas de 2024. Un compromiso, afondou, que busca seguir contribuíndo “ao mellor ciclo exportador da historia de Galicia”, que permitiu rozar os 30.000 millóns de euros en vendas ao exterior o ano pasado, e levar, no acumulado ata agosto deste exercicio, máis de 19.500 millóns exportados, un 1,6% por riba con respecto ao mesmo período de 2022.

 

“Queremos seguir acompañando ao tecido empresarial na busca de novos mercados para manter o impulso das exportacións apoiados na marca Galicia”, afondou Toca Carús, quen destacou unha nova liña de apoio á internacionalización de empresas para impulsar a promoción no exterior e a exportación de produtos e servizos así como a implantación noutros mercados. Unha novidade que se complementa con outras liñas que xa se veñen desenvolvendo, como os bolseiros e xestores de internacionalización, para os que se destinan 1,6 millóns; as liñas Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital, que sumarán preto de 5 millóns para seguir promovendo plans de promoción internacional e accións de internacionalización dixital; ou a apertura de dúas novas antenas do Igape.

 

“Estes orzamentos do Igape están pensados para poñer a Galicia no mapa de atracción industrial, para fortalecer o tecido empresarial e para mellorar a vida das familias e das galegas e dos galegos”, concluíu a directora.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis