A Xunta destaca a aposta polo talento e a innovación como chaves para seguir construíndo a Galicia do futuro

Martes, 10 Outubro 2023 16:08
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración do encontro El mundo que viene, organizado por APD, no que salienta a importancia da cooperación público-privada para impulsar un “modelo máis sustentable”
  • Defende que o talento resulta fundamental para impulsar a innovación, a competitividade e o progreso do tecido produtivo, e vólvese “esencial” na medida na que a automatización e a intelixencia artificial continúan transformando a economía
  • Lembra que esta aposta se materializa, tamén, na conquista de novos mercados, contribuíndo a que Galicia estea a acadar “o mellor ciclo exportador da súa historia”

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración do encontro anual organizado por APD El mundo que viene. Un evento que afondou no actual escenario xeopolítico, económico e social ao tempo que permitiu avanzar algunha das claves da intelixencia artificial. Un marco no que Toca resaltou a aposta polo talento e a innovación como chaves para seguir construíndo a Galicia do futuro.

Neste sentido, a directora do Igape salientou a importancia do traballo diario e da cooperación público-privada para seguir camiñando cara un “modelo más sustentable”, capaz de impulsar o binomio industria – sustentabilidade, de apostar pola innovación, de manter o mellor ciclo exportador da historia de Galicia, e de ofrecer desde a administración todos os incentivos e medidas de acompañamiento necesarias.

“A medida que a automatización e a intelixencia artificial continúan transformando a economía, o talento humano vólvese aínda máis esencial para desenvolver, implementar e xestionar estas tecnoloxías de maneira ética e efectiva. O talento humano desempeñará un papel fundamental no mundo que vén, xa que será necesario para impulsar a innovación, a competitividade, a adaptabilidade e o progreso”, defendeu Covadonga Toca.

A directora do Igape puxo en valor, neste marco, o traballo que está a facer Galicia, impulsando, a través dos Fondos Next Generation, unha axenda de proxectos industriais en distintos campos. Así, afondou, no eido da Intelixencia Artificial estase a traballar na posta en macha na Coruña da sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, algo que multiplicaría as posibilidades que xa confire o feito de contar cun dos ordenadores cuánticos más avanzados de Europa no Centro de Supercomputación.

Así mesmo, e no eido da mobilidade, Covadonga Toca fixo referencia a iniciativas como a de Resonac para implantar unha fábrica de ánodos para baterías a partir de grafito; no campo do hidróxeno verde resaltou proxectos como as factorías de hidróxeno verde nas Pontes —de Reganosa e EDP Renovables— e en Meirama (Cerceda) —promovida por Reganosa, Naturgy e Repsol—; e no sector biotecnolóxico, o proxecto Sionlla Biotech, en cuxo centro de servicios xa están a traballar as primeiras empresas interesadas.

“Este modelo non só busca posicionar Galicia como un referente dese mundo que vén, senón que contribúe, tamén, a manter o mellor ciclo exportador da nosa historia”, proseguiu a directora do Igape, quen lembrou que o 2022 pechou cos mellores datos de exportación desde que hai rexistros con preto de 30.000 millóns en vendas ao exterior.

Un ciclo, expuso, onde a diversificación é xa “unha parte fundamental”, cunha presenza cada vez máis importante das empresas galegas en mercados como EEUU (+21,2%), México (+48,4%) ou Oriente Medio (+52,5%).

  • Aberta a convocatoria da 8ª edición de ViaGalicia ata o 10 de decembro
    Ler máis
  • Lorenzana ofrece a Batea Oncology o apoio da Xunta para avanzar na loita contra o cancro cerebral
    Ler máis
  • A Xunta especializa a 50 mozas e mozos en comercio exterior para impulsar a internacionalización das empresas galegas
    Ler máis