A Xunta activa unha nova convocatoria do programa Galicia Inviste, que aspira a impulsar a competitividade de preto de un centenar de pemes e prevé mobilizar máis de 30M€

Venres, 29 Setembro 2023 13:53
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dunha liña que suma preto de 15M€ e que inclúe axudas ao investimento e préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos
  • O prazo de presentación de solicitudes comezará o 2 de outubro, estendéndose ata o vindeiro 31 de outubro, ou ata o esgotamento do crédito
  • Os apoios cobren proxectos desde 25.000 ata 900.000€, chegando ao 35% dos investimentos no caso das pequenas empresas, e ao 25% para as medianas
  • Desde o ano 2018, este programa permitiu apoiar máis de 360 proxectos mobilizando investimentos por valor de máis de 125 M€

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria do programa Galicia Inviste, que impulsará a competitividade de preto de un centenar de pemes a través de axudas ao investimento. En concreto, o orzamento ascende aos 15 millóns de euros, cos que se prevé mobilizar máis de 30 millóns de euros.

Un ano máis, a liña inclúe axudas e préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos de investimento empresarial, coa finalidade principal de dinamizar a actividade económica en Galicia e potenciar a innovación a través do desenvolvemento e mellora das empresas existentes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 2 de outubro, estendéndose ata o vindeiro 31 de outubro, ou ata o esgotamento do crédito. Ao igual que na anterior convocatoria, ofrécese a posibilidade de solicitar conxuntamente axudas e préstamos para o financiamento de proxectos, na procura de impulsar o mantemento e creación de emprego a través destas novas iniciativas empresarias.

Os apoios cobren proxectos desde 25.000 ata 900.000€, chegando ao 35% dos investimentos no caso das pequenas empresas, e ao 25% para as medianas. Cando as solicitudes de axuda teñan un investimento subvencionable superior a 500.000€, poderán pedir un préstamo parcialmente reembolsable para o seu financiamento, correspondéndose o tramo non reembolsable coa subvención concedida.

O programa establece dúas liñas de actuación: unha centrada nos proxectos de investimento empresarial, e outra que pon o foco en inversións en equipamento produtivo. Así, a primeira busca facilitar a creación de novos establecementos, a ampliación da capacidade dos existentes, a diversificación da súa produción e os cambios nos procesos globais da propia produción. A segunda impulsa a ampliación de capacidade dun establecemento existente. 

Deste xeito, a Xunta pretende dar resposta coordinada ás necesidades financeiras das pemes, facilitando á vez axudas e préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos de investimento empresarial.

Balance do Galicia Inviste

Ao abeiro deste programa, desde o ano 2018, apoiáronse máis de 360 proxectos mobilizando investimentos por valor de máis de 125 M€.

Estes datos reflicten o compromiso da Xunta de Galicia co tecido empresarial, en particular coas pequenas e medianas empresas e cos autónomos, na procura de facilitar o aceso a axudas e financiamento que precisan para realizar os seus investimentos e potenciar así o xeración de emprego, a innovación e a creación e posta en marcha de proxectos empresariais.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis