A Xunta lanza unha nova edición dos Centros de Fabricación Avanzada para impulsar a modernización das pemes galegas

Venres, 29 Setembro 2023 13:46
  • O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria dunha liña que financia a posta en marcha de proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido, con apoios que chegan ata o 80% do investimento subvencionable
  • O obxectivo é facilitar a dispoñibilidade local de infraestruturas de apoio á industria, o que beneficia de xeito especial ás pemes ao permitirlles acceder a produtos e servizos avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades
  • O prazo de presentación de solicitudes iniciarase mañá, prolongándose durante un período de dous meses, e os apoios poden chegar ata o 80% do investimento subvencionable, estando previstos tamén anticipos de ata o 80%
  • Coa primeira edición deste programa estanse a impulsar en Galicia seis centros de fabricación avanzada en sectores industriais diversos como as TIC, o biotecnolóxico, a loxística, o turismo ou o agroalimentario, cunha subvención total de máis de 16M€

 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria do programa de Centros de Fabricación Avanzada. Esta liña, que suma 10M€, ten por obxectivo promover a posta en marcha de proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido que teñan como finalidade o desenvolvemento da contorna das empresas, especialmente as pemes, e os consumidores, e a modernización e desenvolvemento da base industrial, a fin de mellorar a súa competitividade.

Esta dispoñibilidade local de infraestruturas de apoio á industria beneficia de modo particular ás pequenas e medianas empresas, posto que lles permite acceder a produtos e servizos avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades. Ademais, ditas infraestruturas poñeranse a disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta e transparente.

Así, mediante esta iniciativa a Xunta promove a presenza de infraestruturas axeitadas como un dos factores determinantes da modernización e a mellora competitiva das pemes galegas. De feito, estas infraestruturas abertas a pequenas e medianas empresas e autónomos supoñen unha oportunidade para contar con servizos aos que non poden ter acceso de xeito habitual.

Trala publicación hoxe no DOG, o prazo de presentación de solicitudes iniciarase mañá, prolongándose durante un período de dous meses. Os proxectos deberán facilitar o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores así como a modernización da base industrial de Galicia, contando para acadar este obxectivo con apoios que poden chegar ata o 80% do investimento subvencionable, estando previstos tamén anticipos de ata o 80%.

Cómpre salientar que con anterioridade, e de cara a coñecer a demanda que teñen este tipo de espazos industriais compartidos, fíxose unha consulta entre o tecido produtivo galego na que se invitaba aos axentes económicos para que manifestasen o seu interese en acceder a unha liña de axudas para a posta en marcha de infraestruturas abertas de apoio á industria. Esta consulta permitiu coñecer a demanda de axudas, favorecendo a concertación de proxectos con tempo suficiente e facilitando o establecemento das bases de axuda cos interesados.

Así mesmo, a liña compleméntase cunha convocatoria dirixida a grandes empresas por importe de 5M€, que facilitará a capacidade financeira e de xestión solvente das infraestruturas, permitindo ao tecido empresarial apoiarse na capacidade tractora destas grandes empresas.

Seis centros de fabricación avanzada

A primeira edición deste programa impulsou a creación de seis centros de fabricación avanzada, que suman máis de 16M€ en apoios e que están a permitir promover proxectos en sectores industriais diversos, como as TIC, o biotecnolóxico, o turismo ou o agroalimentario.

En concreto, a Xunta achega 4,82 M€ para desenvolver un centro de servizos avanzados na Cidade das TIC da Coruña, que contará con catro laboratorios para a realización de probas e o aloxamento de empresas do sector.

O centro de fabricación avanzada do Tambre recibiu unha axuda de máis de 4 millóns de euros para prover ao sector biotecnolóxico de laboratorios para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común.

O terceiro proxecto é o Centro galego de tratamentos térmicos do aceiro, cun apoio de 2 millóns de euros. Situado en Narón, nace co obxectivo de facilitar a realización de máis traballos que teñan como base o aceiro, como poden ser os buques.

No eido do turismo e a innovación, impulsouse con 370.000 euros o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC en Vilagarcía de Arousa. O centro nace para fomentar a creación de produtos, servizos e empresas de base tecnolóxica na cadea de valor da industria turística galega. A idea é conxugar innovación, emprendemento e formación a partir da dixitalización.

Finalmente, a Xunta apoiou a planta piloto de Inleit en Curtis con 2,4 millóns de euros para a síntese de proteínas e subprodutos lácteos de alta calidade e concedéronse 2,5 millóns de euros á Agrupación de Cooperativas Lácteas (Acolat), en Caldas de Reis, para impulsar un centro de fabricación avanzada de lácteos de alto valor engadido.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis