- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, pecha a súa axenda de viaxe en México cunha reunión co embaixador de España no país, Juan Duarte e unha visita á empresa Antea Group
- Asegura que México vai ser sempre un destino preferente para o tecido empresarial galego polos lazos comerciais xa consolidados
- O obxectivo, di, é “seguir detectando en que sectores industriais compartimos intereses para abrir novas oportunidades de negocio ás nosas empresas”
Cidade de México (México), 23 de setembro de 2023
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, pechou hoxe a súa axenda de viaxe en México cun encontro co embaixador de España no país, Juan Duarte, a quen lle trasladou o compromiso da Xunta de Galicia coa internacionalización da economía galega, con Latinoamérica como destino de referencia.
Na xuntanza, Lorenzana asegurou que México vai ser sempre un destino preferente para o tecido empresarial galego polos lazos comerciais xa consolidados. O obxectivo, polo tanto, engadiu, é “seguir detectando en que sectores industriais compartimos intereses para abrir novas oportunidades de negocio ás nosas empresas”.
A conselleira recoñeceu que misións comerciais como a que encabezou nesta viaxe acompañando a máis dunha vintena de pemes galegas é, xustamente, axudarlles desde o plano institucional a posicionar os seus produtos e servizos. E, ao respecto, agradeceu que o interese sexa mutuo.
Visita a Antea Group
Na última xornada de estadía en México, Lorenzana tamén visitou a empresa galega Antea Group, con sede central na Coruña. Especializada no desenvolvemento integral de proxectos de enxeñaría, infraestruturas e transporte, a conselleira destacou dela o seu compromiso co medio ambiente e a sustentabilidade. É unha empresa, dixo, que exemplifica a aposta que Galicia está facendo pola mobilidade e o urbanismo sustentable.