- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con representantes da entidade onde se abordaron asuntos como o Perte deste sector, a celebración da XI Anfaco Worl Tuna Conference ou a necesaria colaboración en materia de internacionalización e innovación.
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión en Vigo con representantes de Anfaco-Cecopesca para avaliar a situación actual do sector mar-industria, así como os principais retos aos que se enfronta.
Na reunión, a conselleira trasladou o apoio da Xunta de Galicia ao sector para que poida acceder aos fondos Next Generation, logo de que as industrias alimentarias relacionadas co mar quedaran fóra das convocatorias do Perte agroalimentario e non se impulse un propio para a cadea mar-industria.
Por outra banda, tamén se abordou a próxima celebración, os días 14 e 15 de setembro, da XI World Tuna Conference #TUNAVIGO2023, que converterá a cidade olívica na capital atuneira mundial.
Finalmente, a conselleira e os representantes de Anfaco-Cecopesca coincidiron na necesidade de seguir traballando da man e a través da colaboración público-privada para seguir avanzando en asuntos como a internacionalización e a apertura de novos mercados ou a innovación e a transferencia de coñecemento e tecnoloxía ao tecido empresarial. Ademais, no eido do consumo analizouse o impacto que na dieta pode ter a substitución de peixe por produtos veganos de imitación.