- Asegura que está en xogo o futuro de máis 80 empresas estratéxicas para a Comunidade que representan o 25 % do PIB industrial.
- Demanda ao Goberno central que apoie a industria do mar rebaixando o IVE dos seus produtos e autorizando a entrada da conserva no Perte Agroalimentario.
- Garante que a Lei de ordenación do litoral vai permitir a actividade económica na costa outorgando seguridade xurídica e respectando o medio ambiente.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclama ao Goberno central medidas que acheguen viabilidade e competitividade á industria galega vinculada á coxeración, da que dependen máis de 20.000 empregos. O titular do Goberno galego fixo esta demanda nunha visita hoxe as instalacións do Grupo Jealsa en Boiro, unha das empresas afectadas pola suba dos custos enerxéticos.
No encontro que mantivo o ano pasado co presidente do Goberno central, o presidente da Xunta xa tivo que insistir na necesidade de incluír a coxeración nos sistemas de produción enerxéticos da excepción ibérica. Pero agora, as empresas que empregan este sistema -que produce conxuntamente electricidade e calor- teñen que facer fronte tanto á suba do prezo do gas como á volatilidade do mercado de CO2, ás paradas e caídas de produción das plantas e ás incertezas no eido da regulación, tal e como teñen denunciado nas reunións que os afectados mantiveron cos representantes do Goberno galego.
O problema afecta a máis de 80 empresas de sectores estratéxicos para Galicia do eido da madeira, alimentación, papel, refino ou biocombustibles, que representan o 25% do PIB industrial. Segundo denuncian, a baixada da produción con coxeración no que vai de ano é de media un 40 % fronte ao 2022. De feito, prevén que, sen un novo marco retributivo estable para operar, nun par de meses, todas as plantas de coxeración en Galicia verán seriamente comprometido o seu futuro.
O que estas firmas demandan é que o Estado adopte medidas que acheguen viabilidade e competitividade ao sector da coxeración e que promova esta tecnoloxía, como fan países como Alemaña ou Italia, a través dunha nova metodoloxía para a actualización da retribución e a convocatoria das poxas para adxudicar 1.200 MW de coxeración. Alfonso Rueda subliñou que este sistema ten que seguir sendo competitivo “para garantir o futuro e a viabilidade de empresas que supoñen miles de postos de traballo, directos e indirectos”.
Alfonso Rueda resaltou que a industria do mar está chea de oportunidades, pero tamén de ameazas e, nese sentido, recordou a necesidade de que se rebaixe o IVE dos seus produtos: “Algo tan básico como a conserva ten que ter o mesmo tratamento fiscal que outros alimentos”, indicou. O presidente da Xunta recordou tamén que é necesario que o sector entre no Perte Agroalimentario para que se poida beneficiar das vantaxes que conleva, e advertiu sobre os riscos do tratado de libre comercio que a Unión Europea negocia con Tailandia. Ao seu entender, Bruxelas “debe ter en conta a diferenza de calidade que hai entre o que se fai aquí, que é excelente, e o que se fai noutras partes”, polo que pediu que se asine un acordo comercial que protexa á conserva galega para que poida operar nos mercados internacionais “en igualdade de condicións”.
Seguridade ás empresas que traballan na costaComo exemplo do apoio que as Administracións teñen que dar ás industrias que son fundamentais para o desenvolvemento do seu territorio, o presidente da Xunta referiuse á Lei de ordenación do litoral de Galicia, coa que se busca, entre outros obxectivos, ofrecer seguridade ás empresas que precisan estar preto da costa e que son estratéxicas para o desenvolvemento da Comunidade. Deste xeito, a protección do medio ambiente faise compatible coa vida dos mariñeiros, das empresas e da sociedade galega en xeral, que non pode permanecer de costas ao mar. Alfonso Rueda subliñou que estas medidas son as que garanten que o sector da conserva “siga a ser marca Galicia por todo o mundo”.
O titular do Goberno galego puxo o exemplo dunha firma como Jealsa que, malia a súa expansión internacional, non esquece a súa orixe galega e que segue mirando polo porvir da súa terra. Cun importante investimento en I+D+i, a compañía traballa agora na posta en marcha dunha nova nave no lugar de Bodión (Boiro) e no desenvolvemento dun proxecto de economía circular coa creación dunha biorrefinería mariña que agarda conseguir fondos do Perte de descarbonización industrial.