- O director do Igape, Fernando Guldrís, asina un convenio con representantes das sociedades de garantía recíproca (SGR) Afigal, Sogarpo e Iberaval na procura de dotar ao tecido empresarial galego das ferramentas necesarias para reforzar a súa solvencia e que poidan “gañar músculo, manter e xerar emprego, e desenvolver proxectos que contribúan á reactivación económica”.
- A liña, impulsada no marco da Axenda Financeira, abrirase o vindeiro 12 de maio e busca dar resposta ás necesidades das pequenas e medianas empresas no actual contexto económico, financiando investimentos produtivos e circulante estrutural, pagamentos e reestruturación de débedas, e favorecendo a capacidade do tecido empresarial galego para outorgar garantías fronte a terceiros.
- A modalidade de apoio poderá consistir na bonificación do tipo de xuro dos préstamos, na bonificación da comisión do aval, así como no reaval do risco asumido polas SGR.
O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, asinou esta mañá un convenio con representantes das sociedades de garantía recíproca (SGR) Afigal, Sogarpo e Iberaval, na procura de facilitar, un ano máis, o acceso ao financiamento de pemes e autónomos galegos. Neste sentido, e como destacou Guldrís, o acordo permite cubrir operacións de investimento, circulante e garantías de pequenas e medianas empresas por importe de 60 millóns de euros.
O convenio, afondou o director do Igape, sitúase no marco da Axenda Financeira que promove o Goberno galego para axudar a pemes e autónomos a reforzar a súa solvencia e darlle acceso a crédito para que poidan “gañar músculo, manter e xerar emprego, e desenvolver proxectos que contribúan á reactivación económica e a competitividade dos sectores estratéxicos galegos”.
Así, o obxectivo do acordo asinado hoxe é facilitar, dun lado, o acceso a préstamos a longo prazo para financiar tanto investimentos produtivos como circulante estrutural, dando a posibilidade tamén de aplicar os fondos ao pagamento ou á reestruturación de débedas con entidades financeiras; e, por outra parte, favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros.
Neste marco, explicou Guldrís, a modalidade de apoio consistirá tanto na bonificación do tipo de xuro dos préstamos, como na bonificación da comisión do aval, e no reaval do risco asumido polas SGR que faciliten o acceso ao crédito.
A concesión das axudas, cuxo período de solicitude estará aberto desde o 12 de maio e ata o 29 de setembro, será por concorrencia non competitiva, deste xeito son subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras ata o esgotamento do crédito. Deste xeito, apuntou Guldrís, axilízase a execución desta liña de financiamento para pequenas e medianas empresas e autónomos que teñen o seu domicilio social e desenvolven a súa actividade económica en Galicia.
“En definitiva, trátase de ofrecer ao tecido empresarial galego as mellores condicións de financiamento para fortalecer a súa solvencia. Por este motivo, mantemos intactas as capacidades de investimento tradicionais de fondo perdido e préstamos e avais, e reforzamos os fondos de apoio necesarios para unha adaptación ao complexo escenario actual”, informou o director do Igape, quen lembrou que, tamén no marco da Axenda Financeira, está en marcha a liña de préstamos directos para investimentos estratéxicos ou para infraestruturas de centros tecnolóxicos.