Rueda avoga pola colaboración entre a Administración e o tecido empresarial para poñer en marcha os grandes proxectos previstos para Galicia

Mércores, 12 Abril 2023 13:01
  • O presidente interveu, por videoconferencia, na apertura do II Foro Económico de El Español, que se celebra na Coruña e que leva por título La Galicia que viene.
  • Destaca que a nosa Comunidade está vivindo o maior ciclo inversor en sectores tradicionais pero tamén nos relacionados co I+D+i.
  • Defende ofrecerlle ás empresas un clima favorable para os investimentos, axilidade administrativa ou menos trabas fiscais e burocráticas.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avoga pola colaboración público-privada entre a Administración e o tecido empresarial para “axustar as velas” ante a situación económica actual e encarar o futuro cun “optimismo sensato” que permita poñer en marcha os grandes proxectos previstos para Galicia.

Na apertura do II Foro Económico de El Español, que se celebra no Pazo de Exposicións e Congresos-Palexco da Coruña e que leva por título La Galicia que viene, Rueda destacou que a nosa Comunidade está vivindo o maior ciclo inversor, con proxectos nos sectores máis diversos.

Neste senso, referiuse a iniciativas nas que Galicia foi tradicionalmente forte, como a automoción, o téxtil, o naval ou o agroalimentario, pero tamén a outros proxectos nos que comezamos a despuntar, como o biotecnolóxico, as TIC, o aeronáutico ou o enerxético. Con respecto a este último, afirmou que temos que aproveitar a nosa posición xeográfica estratéxica para aspirar a consolidarnos como o Polo enerxético do noroeste e xerar pegada industrial en sectores como a eólica mariña ou a produción de hidróxeno verde.

Rueda asegurou que, a pesar do contexto actual, hai razóns para ese optimismo tendo en conta os datos de crecemento, creación de emprego ou o récord de exportacións da Comunidade galega, e atendendo, sobre todo, ao desenvolvemento de grandes proxectos de innovación e I+D+i, como o Polo Aeroespacial, coas empresas punteiras do sector; a Cidade das TIC da Coruña; ou os que liderará a AESIA, que nos converterá na capital española da Intelixencia Artificial.

Ademais, agradeceu o apoio dos empresarios nas alianzas que se están tecendo con outras Comunidades Autónomas “para reclamar as infraestruturas ás que Galicia ten dereito”, comezando polo Corredor Atlántico Noroeste de mercadorías ou que se complete a chegada do tren de alta velocidade desde Ourense ás outras cidades principais.

O presidente da Xunta asegurou que, a pesar dos elementos positivos, tamén hai que ser realistas e ofrecerlle ás empresas aquilo que precisan, como axilidade administrativa, redución de trabas fiscais e burocráticas e, en definitiva, un clima favorable para realizar os seus investimentos.

“Aquí nunca nos van escoitar dicir que os que crean riqueza e emprego son un problema, todo o contrario, son a solución dos problemas” e contribúen a construír connosco a “Marca Galicia”, concluíu.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis