A Xunta achega aos empresarios de Arousa as distintas liñas de apoio para reforzar a competitividade de pemes e autónomos

Domingo, 02 Abril 2023 12:38
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participa en Vilanova de Arousa nunha xornada organizada por Galicia Foro Empresarial na que pon en valor programas como a convocatoria xa en marcha do Plan de Misións Comerciais, que suma 2,3 millóns para accións de internacionalización.
  • Sinala que, no marco da Axenda Financeira, está aberta a liña de préstamos directos para investimentos estratéxicos ou para infraestruturas de centros tecnolóxicos, e que impulsa tamén o financiamento das empresas no actual contexto de incremento xeneralizado do custo das materias primas e da enerxía.

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participou nunha xornada organizada pola asociación Galicia Foro Empresarial co obxectivo de dar a coñecer ao tecido empresarial da comarca de Arousa o conxunto de programas e liñas que habilita este ano a Xunta de Galicia de cara a reforzar a competitividade de pemes e autónomos no actual contexto económico.  

“A mellora competitiva do tecido produtivo é unha prioridade, máis, se cabe, na situación económica actual, marcada polo incremento xeneralizado de prezos”, salientou Guldrís, quen avogou pola transformación dixital, a susentabilidade, a innovación e a procura de novos mercados como factores fundamentais na mellora competitiva das empresas. Neste marco, Guldrís expuxo que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ten previstas distintas liñas de actuación, algunha delas xa en marcha, entre as que destacou a recente activación do Plan de Misións Comerciais.  

Este programa, que se impulsa xunto coas Cámaras de Comercio e que ten aberto o período de inscrición para as entidades colaboradoras, suma 2,3 millóns para accións de internacionalización, co obxectivo de promover preto de 100 misións en máis de 30 países. A liña, explicou Guldrís, ao igual que o resto de accións comprendidas na Estratexia de Internacionalización que impulsa o Goberno galego, ten contribuído ao récord acadado polas vendas ao exterior da Comunidade, que rozaron os 30.000 millóns de euros o pasado exercicio, marcando un novo teito histórico cun incremento do 18,3% con respecto ao 2021.  

Así mesmo, o director do Igape destacou tamén a activación un ano máis, no marco da Axenda Financeira, da liña de préstamos directos para investimentos estratéxicos ou para infraestruturas de centros tecnolóxicos, que desta volta conta como principal novidade o financiamento das empresas no actual contexto de incremento xeneralizado do custo das materias primas e da enerxía. 

E no campo da innovación e da sustentabilidade, Guldrís lembrou que no primeiro trimestre do ano se lanzou unha nova convocatoria do programa de Economía Circular, que destina 1,5 millóns a apoiar modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.

Unha actuación que, subliñou, se engloba na axenda industrial que está a ultimar a Xunta na procura de que as empresas galegas reforcen a súa aposta pola dixitalización, aproveitando as oportunidades para cambiar os modelo de negocio, e a sustentabilidade, introducindo nos procesos comerciais e de innovación criterios ambientais e sociais na xestión da empresa.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis