Rueda asegura para Galicia unha posición privilexiada nun futuro marcado polo coñecemento e a innovación

Martes, 28 Marzo 2023 12:19
  • Salienta que na fase de elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) participaron máis de 800 representantes de 500 axentes diferentes, que incluíron empresas, centros de coñecemento e tecnolóxicos e administracións.
  • Subliña que as prioridades do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) para o período 2021-2027 pasan por construír unha Galicia máis competitiva e intelixente, máis verde e máis conectada e social.
  • O investimento total dos Feder para o novo período elévase a 1.567 M€, mentres que o RIS3 implicará a posta en marcha dun esforzo sen precedentes en I+D+i que ten como meta mobilizar preto de 5.000 M€ entre fondos públicos e privados.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegura para Galicia unha posición privilexiada nun futuro marcado polo coñecemento e a innovación. O mandatario galego reafirmouno na súa intervención na presentación do Programa Operativo Feder 2021-2017 e da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) Galicia 2021-2027, nun acto en Santiago de Compostela no que participaron tamén o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. 

O titular do Goberno galego asentou as súas palabras en datos esperanzadores, como o feito de que Galicia fora a rexión que máis crecera en termos de PIB per cápita en toda España, un 3,2 % de media anual entre os anos 2000 e 2021, case un punto por riba do crecemento medio anual do Estado. A Comunidade galega, ademais, foi quen de recuperar o PIB prepandemia antes que a media estatal. 

Por outra banda, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), grazas a un investimento de máis de 7.500 millóns de euros ao longo das últimas décadas, permitiu que Galicia se achegue ás rexións máis avanzadas da Unión Europea.  

Alfonso Rueda subliñou que nos últimos anos “asistimos a un rexurdimento económico de Galicia” e a “un reforzo do ecosistema galego de I+D+i”. De feito, as empresas galegas deron un salto sen precedentes en I+D cun incremento do 40 % e un aumento do seu persoal investigador de ata un 92 %. 

O presidente da Xunta falou dun “logro colectivo”. No que se refire ao gasto en I+D sobre o PIB, Galicia pasou de situarse no posto doce entre as Comunidades autónomas a estar agora na sétima posición, sendo a terceira que máis medrou na última década. Polo que respecta ao capital humano, contaba hai dous anos con 11.435 persoas dedicadas a I+D e un total de 7.462 investigadores.

Alfonso Rueda referiuse á nova etapa que se abre da man da RIS3, que na súa fase de elaboración contou coa participación de máis de 800 representantes de 500 axentes diferentes, que incluíron empresas, centros de coñecemento e tecnolóxicos e administracións. 

Polo que respecta ao Programa Operativo Feder 2021-2027, o titular do Goberno galego subliñou que as prioridades para o período 2021-2027 pasan por construír unha Galicia máis competitiva e intelixente, máis verde e máis conectada e social. 

O presidente da Xunta indicou que, con estas accións, Galicia persegue que “o futuro que vén por diante sexa o noso futuro, o que nós construímos” e remarcou que nese obxectivo van ser investidos os fondos comunitarios. 

Novos investimentos

 Perante o novo período que se abre tanto para os fondos Feder como para a RIS3, Galicia tentará aproveitar ao máximo os fondos comunitarios de cohesión que recibirá para o período 2021-2027. 

O investimento total do programa Feder elévase nesta nova etapa a 1.567 millóns de euros (940,2 millóns de axudas da UE e 626,8 millóns de contribución a través do cofinanciamento autonómico). Deses fondos, 419,2 millóns vanse investir na construción dunha Europa máis competitiva e intelixente; 378,7 son para unha Europa máis verde; para unha Europa máis conectada se destinan 63,1 millóns e 79,2 millóns máis son para unha Europa máis social e inclusiva. Tamén se destinará un 30,2 % dos recursos aos obxectivos da loita contra o cambio climático e un 8 % aos de biodiversidade. 

A RIS3, pola súa banda, implica a posta en marcha dun esforzo sen precedentes en I+D+i en Galicia. Ten como meta mobilizar entre 2022 e 2027 preto de 5.000 millóns dos que 3.000 corresponden a fondos públicos das diferentes administracións, e 2.000 millóns a mobilización privada.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis