A Xunta destaca que o centro de investigación empresarial de Mestrelab sitúa a Marca Galicia como referente internacional en biotecnoloxía

Venres, 24 Marzo 2023 19:22
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Santiago de Compostela as novas instalacións.
  • Cunha axuda autonómica de 4,2M€ para un investimento de oito millóns, converterase nun centro neurálxico para o ecosistema galego de I+D+i vinculado ás ciencias da vida.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Santiago de Compostela as instalacións do novo centro de investigación empresarial de Mestrelab, do que destacou que sitúa a Marca Galicia como referente internacional en biotecnoloxía.

Na súa intervención, Conde explicou que se trata dun centro pioneiro xa que, xunto co impulsado por Borgwarner, será dos primeiros que se poñerán en marcha no marco do programa das Unidades Mixtas de Investigación do Goberno galego. En concreto, agárdase que actúe como centro neurálxico para o ecosistema galego de I+D+i vinculado ás ciencias da vida con achegas á investigación farmacéutica, química e biotecnolóxica.

O programa conta cunha axuda da Axencia Galega de Innovación de 4,2M€ para un investimento total de 8M€ e prevese que dea traballo a máis dunha trintena de profesionais e que conte con 15 empresas entre usuarias e colaboradoras nos proxectos de investigación que se poñerán en marcha.

Mestrelab desenvolve solucións de software que, actualmente, están a ser utilizadas por preto de 500 clientes da industria farmacéutica, biotecnolóxica e química e por máis de 2000 universidades de todo o mundo. Grazas á súa tecnoloxía, por exemplo, as vacinas contra a covid desenvolvéronse en tempo récord. Conde rematou subliñando que este novo centro permitirá incrementar a carteira de solucións e produtos do sector biotecnolóxico galego e redobrar a excelencia do Campus Vida, ademais de complementar a actividade do Polo biotecnolóxico da Sionlla.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis