A Xunta avaliará a solicitude que Ence ten previsto solicitar en breve para tramitar a planta das Pontes como proxecto industrial estratéxico

Venres, 24 Marzo 2023 10:37
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinala que esta figura permite a redución de prazos, incluíndo a concesión da licenza de obra.
  • Resalta que os resultados positivos das probas piloto tamén contribúen a que o proxecto se poida poñer en marcha canto antes.
  • Apela a seguir traballando desde as diferentes administracións para que poida acceder a fondos europeos un proxecto “absolutamente referente” no eido da economía circular.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou que a Xunta vai avaliar a solicitude que Ence ten previsto presentar nas próximas semanas para tramitar a planta das Pontes como proxecto industrial estratéxico. Tal e como subliñou Conde, esta figura permitiría a redución de prazos administrativos, incluíndo a concesión da licenza de obra no propio expediente. Do mesmo xeito, sinalou que tamén é boa sinal o resultado positivo das probas piloto, que xa marcan “unha clara orientación para que se poida poñer en marcha canto antes”.

Segundo Conde, esta iniciativa pon en valor o compromiso que Ence ten con Galicia, que pasa pola planta de Lourizán e que agora vai pechar o ciclo cun novo proxecto de economía circular e cun compoñente de innovación e tecnolóxico “que vai permitir que Galicia sexa tamén un referente neste tipo de proxectos”.

O responsable de Economía, Industria e Innovación apuntou que a planta de Ence se suma a diferentes iniciativas que tamén se están tramitando, como a planta de pneumáticos de Sentury Tire nas Pontes, o proxecto de Biomasa Forestal (Triskelion) para producir metanol verde en Mugardos ou a planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP Renovables. Conde, que tamén fixo referencia a iniciativas vinculadas a Nervión Naval Offshore e IFFE Biotech, sinalou que no actual contexto de transformación do tecido produtivo se pode converter unha situación de dificultade como o peche da central térmica nunha oportunidade.

O vicepresidente económico remarcou que o de Ence é un proxecto disruptivo e innovador que dá resposta aos elementos que está pedindo a Comisión Europea, e nese sentido fixo fincapé en que “imos seguir colaborando entre as distintas administracións e neste caso apoiando para que Ence poida acceder aos fondos europeos”. 

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis