A Xunta impulsa a Axenda de startups co obxectivo de promover o seu crecemento e fomentar a captación de investimentos e novos socios

Mércores, 22 Marzo 2023 16:54
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela na xornada organizada por APD e Unirisco ‘Investir en ciencia si é rendible’.
  • O Goberno galego tramita un decreto para garantir a estabilidade de máis de 500 investigadores e técnicos de investigación de centros públicos.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá na xornada Investir en ciencia si é rendible, organizada por APD e Unirisco, na que explicou que a Xunta de Galicia impulsa a Axenda de startups co obxectivo de promover o seu crecemento e fomentar a captación de investimentos e novos socios.

Así, no eido do financiamento do emprendemento innovador, Galicia conta con este instrumento -cun orzamento de 14,7M€-, ademais da Axenda Financeira para 2023 na que se reservan 140M€ e que contempla apoios específicos para investimento en innovación. Así, a través de XesGalicia, destínanse por exemplo 10M€ a este ámbito a través dos fondos Galicia InnovaTech e Galicia Iniciativas Emprendedoras.

Conde defendeu que é rendible investir en ciencia tanto polo impacto na saúde e benestar, no medio ambiente, na medicina e na industria; como polo retorno que xera en termos de coñecemento, talento, competitividade e progreso social e económico.

Explicou que Galicia está investindo en ciencia, poñendo en marcha infraestruturas como o Polo biotecnolóxico da Sionlla ou o primeiro centro en Galicia para o desenvolvemento de terapias avanzadas contra o cancro; apoiando o emprendemento innovador a través das business factory (BioIncubaTech, BFAuto, BFFood ou BFMedicines); con iniciativas que contribuirán ao desenvolvemento das capacidades empresariais como os Hubs de Innovación Dixital. Pero tamén a través dun decreto para que a carreira investigadora se poida desenvolver en Galicia coas mellores condicións laborais, garantindo a súa estabilización e do que se poderían beneficiar máis de 500 profesionais entre investigadores e técnicos de investigación.

O vicepresidente económico destacou que Galicia, a través das empresas biotech e os centros de coñecemento, está xerando produtos e servizos innovadores que contribúen a captar e reter talento. É o caso de compañías apoiadas pola Xunta como Celtarys, Libera Bio ou BFlow; ou empresas tractoras que apostan pola Comunidade como Janssen y Lilly, Lonza ou Indukern. Neste sentido incidiu na necesidade de que a ciencia sexa respaldada con apoio tanto público como privado.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis