- O presidente da Xunta visitou a nova planta da empresa na comunidade.
- Destacou a “gran oportunidade” que supón este proxecto para xerar valor engadido ao leite galego a través da súa transformación sen saír de Galicia.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que a nova planta de desenvolvemento de proteínas lácteas de Inleit en Curtis vai situar Galicia á vangarda da industria láctea e contribúe a impulsar a transformación do leite galego na propia comunidade. “Este é un gran proxecto e unha gran oportunidade. Temos unha materia prima de primeira calidade e o noso interese e que estas materias primas poidan transformarse aquí, con todo o valor engadido que isto supón”, indicou o presidente durante unha visita as novas instalacións.
Nesta liña, o presidente lembrou que Galicia xa é unha potencia na produción de leite –“é a principal produtora de España e está entre as dez primeiras de Europa”, indicou-, pero que o obxectivo da Xunta é facer de Galicia un referente en todas as fases vencelladas ao sector lácteo: desde a recollida ata a transformación do leite e a comercialización final dos produtos.
Para iso, Rueda resaltou a importancia de aumentar a porcentaxe de leite recollida en Galicia que se transforma tamén na comunidade -na actualidade xa se supera o 63% e o obxectivo é chegar ao 75 % no 2025- e de apostar pola innovación e a modernización do sector para situarse á vangarda da industria láctea.
O novo centro de fabricación avanzada de Inleit para desenvolver ingredientes lácteos de alto valor engadido en Curtis vai nesa dirección. Nesta planta vanse poder levar a cabo proxectos de I+D no eido lácteo desde a comunidade que, ata agora, había que encargar a empresas no estranxeiro, o que permitirá que Galicia se consolide coma un dos epicentros da innovación no sector.
Ademais, Rueda resaltou a importancia de que os promotores comprometéronse a seguir mercando gran parte do leite a gandeiros galegos -só no 2022 adquiriron máis de 200 millóns de litros a 278 explotacións galegas- e a contar tamén cos centros tecnolóxicos galegos para os seus proxectos de I+D.
Rueda lembrou que a Xunta outorgou 14 millóns en axudas para a ampliación e mellora das instalacións de Inleit desde que iniciou a súa actividade en Galicia. Ademais o Goberno galego leva anos traballando para impulsar a modernización e mellorar a competitividade do sector lácteo a través de medidas como a Estratexia de dinamización deste eido; a Lei de recuperación da terra agraria, axudas para impulsar centros de fabricación avanzada ou apoiando unha candidatura forte de Galicia aos fondos europeos a través do Perte agroalimentario. “Agardamos que non se repitan as malas experiencias noutros Perte”, indicou.
Bo momento do sector lácteo galego
Durante a súa intervención, Rueda subliñou ademais o bo momento que está a vivir o sector lácteo galego e que consolida a Galicia como unha potencia europea neste eido. O prezo que se lles paga aos gandeiros por litro incrementouse de forma constante nos últimos 19 meses -o que fai que a facturación por venda de leite alcanzase récords históricos con máis de 1.300 millóns de euros no 2022- e nos últimos oito anos, a produción media por explotación aumentou case un 74 %.