- Comeza o prazo para que as cámaras de comercio soliciten a aprobación das accións a realizar dentro deste programa, ao que se destinan 2,3 millóns.
Consulta o calendario de accións
A Xunta ten activo o novo Plan de misións comerciais, a través do cal se destinan 2,3 millóns de euros a accións de internacionalización do tecido produtivo galego na procura de impulsar, durante este ano, preto de 100 misións en máis de 30 países.
O programa, que desenvolve a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e en colaboración coas cámaras galegas, contempla dúas liñas, unha centrada nas pequenas e medianas empresas e que suma máis do 80% do orzamento, e outra habilitada para as grandes empresas, na procura de que estas acheguen ás misións a súa experiencia e volume como efecto tractor.
Mañá comeza o prazo para que as cámaras de comercio, entidades colaboradoras adheridas ao convenio, soliciten a aprobación das accións a realizar no calendario do plan de misións comerciais. O prazo estará aberto ata o 14 de abril.
Unha vez solicitadas as accións, cada cámara poderá convocar e abrir a inscrición para que as empresas interesadas poidan participar nas mesmas. As empresas poderán inscribirse para cada acción coa entidade coloaboradora correspondente no momento en estas abran as distintas convocatorias ao longo da vixencia do calendario.
O obxectivo é chegar a 500 participacións de pemes -cada empresa participa en máis dunha actuación- nas accións de promoción, favorecendo a súa imaxe nos mercados exteriores. Todas as actuacións están dirixidas a aumentar a base de empresas exportadoras, a fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais, e a conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica das exportacións galegas.
O programa prevé para esta convocatoria máis de 30 mercados prioritarios de acción comercial entre os que se sitúan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas.
As actuacións, consistentes en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos, contan con apoios que alcanzan o 90 % no caso das pequenas e medianas empresas, porcentaxe que pode acadar ata o 70 % para as grandes empresas.
Desde o ano 2014 lévanse destinado máis de 12 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes.
O Plan de Misións comerciais enmárcase na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que está a contribuír a que Galicia acadase o seu récord histórico en exportacións: case 30.000 millóns ao peche de 2022, en concreto 29.886 millóns, o que supón un 18,3% máis que no anterior exercicio.