A Xunta impulsa este ano preto de 100 misións comerciais de empresas galegas en máis de 30 países

Luns, 13 Marzo 2023 16:11
  • A acción enmárcase na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que está a contribuír a que Galicia veña de lograr un novo récord histórico en vendas ao exterior: case 30.000 millóns ao peche de 2022, un 18,3% máis que en 2021.

Consulta o calendario de accións

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, acompañado dos representantes das cámaras de comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, da Coruña e de Santiago, presentou hoxe a nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que destina 2,3 millóns de euros a accións de internacionalización do tecido produtivo galego na procura de impulsar, durante este ano, preto de 100 misións en máis de 30 países.

O programa, que desenvolve a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e en colaboración coas cámaras galegas, contempla dúas liñas, unha centrada nas pequenas e medianas empresas e que suma máis do 80% do orzamento, e outra habilitada para as grandes empresas, na procura de que estas acheguen ás misións a súa experiencia e volume como efecto tractor.  

Neste sentido, detallou Guldrís, aspírase a chegar a 500 participacións de pemes -cada empresa participa en máis dunha actuación- nas accións de promoción, favorecendo a súa imaxe nos mercados exteriores. “Este ano, por citar algúns exemplos, temos, entre outras, a participación do sector agro alimentario na Feira Fancy Food nos Estados Unidos; a visita do sector naval á feira Norhsipping en Noruega; a asistencia do sector da Biotecnoloxia á Bio International Convention en Estados Unidos e á Expo BioJapan 2023, ou a participación do sector da pedra natural na Feira Marmomac en Italia”, afondou.

O director do Igape salientou que todas as actuacións están dirixidas a aumentar a base de empresas exportadoras, a fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais, e a conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica das exportacións galegas.

O programa prevé para esta convocatoria máis de 30 mercados prioritarios de acción comercial entre os que se sitúan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas.

As actuacións, consistentes en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos, contan con apoios que alcanzan o 90% no caso das pequenas e medianas empresas, porcentaxe que pode acadar ata o 70% para as grandes empresas.

“Desde o ano 2014 levamos destinado máis de 12 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes”, destacou Guldrís. 

Récord histórico de exportacións

O director do Igape detallou que Plan de Misións comerciais enmárcase na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que está a contribuír a que Galicia veña de lograr o seu récord histórico en exportacións: case 30.000 millóns ao peche de 2022, en concreto 29.886 millóns, o que supón un 18,3% máis que no anterior exercicio.

Unha cifra, lembrou, que permite a Galicia contar cun saldo favorable de 2.800 millóns de euros entre as exportacións e as importacións contabilizadas ao longo do último ano, mentres que en España o saldo segue a ser deficitario.

“E todo isto sen esquecer a resiliencia das empresas exportadoras galegas: en 2022, un total de 8.496 compañías realizaron vendas no exterior; e o que é máis importante, as empresas galegas exportadoras regulares -aquelas que exportaron nos últimos 4 anos-, acadaron as 2.653, récord histórico tamén que supón un incremento anual do 3,5%”, concluíu Guldrís.

 

  • O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia a creación dunha área específica de innovación dotada con mais de 60 M€ para fortalecer o tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta reforza o seu compromiso co emprendemento innovador como “chave do futuro económico de Galicia”
    Ler máis