A Xunta espera que o novo Perte do vehículo eléctrico ofreza certezas a un sector que supón preto do 14 % do emprego industrial de Galicia

Luns, 06 Marzo 2023 12:43
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participa na reunión da Alianza do Perte Vehículo Eléctrico e Conectado (VEC), convocada polo Ministerio de Industria, onde salienta a necesidade de que os principais fabricantes de España, incluíndo Stellantis, atopen nas futuras convocatorias unha resposta aos seus plans de futuro.
  • Lembra que na primeira convocatoria do Perte VEC quedaron sen adxudicar ao redor de 2.200 millóns de euros, e que, en paralelo, de modo unilateral, se asignaron fondos para proxectos na Comunidade Valenciana e en Cataluña para financiar actuacións neste eido.
  • Defende que se ofrezan respostas a outros proxectos relacionados coa automoción, como é o caso de Resonac, que proxecta unha planta para a fabricación de grafito destinada a baterías eléctricas.

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na reunión da Alianza do Perte Vehículo Eléctrico e Conectado (VEC), convocada por vía telemática polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, un encontro no que salientou a importancia de que o novo Perte “ofreza certezas” a un sector que, en Galicia, supón preto do 14 % do emprego industrial.

Neste sentido, Guldrís sinalou que, de cara a futuras convocatorias, os principais fabricantes de España, incluíndo Stellantis, deben atopar unha resposta aos seus plans de futuro. “Está en xogo a competitividade da planta de Stellantis en Vigo, e abaratar os custos de fabricación de vehículos. É un compromiso vital para a automoción galega, ao igual que a necesidade de comprometer os apoios precisos para que Stellantis Vigo poida contar coa nova plataforma para a fabricación dos futuros modelos eléctricos”, afondou.

Sobre esta base, o director do Igape lembrou que na última convocatoria se deixaron sen adxudicar ao redor de 2.200 millóns de euros no Perte VEC. Así mesmo, en paralelo e de modo unilateral, asignáronse 90 millóns de euros para a Comunidade Valenciana como apoio para o desenvolvemento dunha fábrica de baterías, e preto de 30 millóns de euros a Cataluña para financiar actuacións que faciliten o desenvolvemento do ecosistema eléctrico e conectado.

Guldrís aproveitou o encontro tamén para defender que se ofrezan respostas a outros proxectos relacionados coa automoción, como é o caso de Resonac, que podería impulsar unha planta para a fabricación de grafito destinada a baterías eléctricas.

“As comunidades autónomas debemos poder optar aos fondos en igualdade de condicións”, afondou o director do Igape, quen, de cara á próxima convocatoria do Perte do Vehículo Eléctrico, defendeu a importancia dun reparto “descentralizado e áxil dos fondos” que permita “recoñecer na súa xusta medida todo o esforzo que Galicia e o seu sector da automoción veñen facendo desde hai moito tempo para consolidarse como un referente nacional e internacional”.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis