A Xunta destaca en Industrias Ferri o traballo do tecido empresarial galego que permite á comunidade acadar o mellor rexistro histórico en exportacións

Venres, 24 Febreiro 2023 15:17

O director do Igape, Fernando Guldrís, visita en Gondomar as instalacións desta empresa do sector naval que ten impulsado a súa internacionalización grazas ao programa Galicia Exporta Empresas

Salienta que “o esforzo das empresas galegas” permitiu un novo récord de máis de 30.000 millóns en 2022 en vendas ao exterior, un crecemento que na provincia de Pontevedra supuxo superar os 13.000 millóns

Pon en valor a colaboración público-privada a través de iniciativas como o Galicia Exporta Empresas, que leva impulsados na provincia, desde a súa posta en marcha, máis de 780 plans de internacionalización cunha achega superior aos 21 millóns de euros

 

Gondomar (Pontevedra), 24 de febreiro de 2023.- O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións de Industrias Ferri, no concello de Gondomar, empresa do sector naval diversificada e que está a apostar pola innovación e a internacionalización no ámbito da mecánica naval. Neste sentido, e grazas ao programa Galicia Exporta Empresas, a compañía vén de reforzar a súa presenza en novos mercados cun proxecto de promoción exterior que lle permitiu participar en feiras internacionais en países como Colombia e Turquía así como impulsar un servizo de consultoría para a obtención de contactos iniciais no mercado chileno.

“Industrias Ferri é unha mostra máis do bo facer das nosas empresas, que están a impulsar as súas vendas ao exterior ata o punto de que o último ano ten sido histórico para as exportacións galegas”, salientou Guldrís, que lembrou parte deses rexistros, tanto en Galicia como na provincia de Pontevedra.

Neste sentido, no 2022, as exportacións da Comunidade rozaron os 30.000 millóns de euros, o que supón un novo teito histórico e un incremento do 18,3% con respecto ao ano pasado. Un marco, expuxo, no que Pontevedra resulta clave ao superar os 13.000 millóns de euros exportados, un 8,3% máis. Así mesmo, apuntou, as empresas exportadoras regulares están a medrar tamén tanto na Comunidade como en Pontevedra, onde acadan as 1.558, un 4,2% más que no anterior exercicio.

Guldrís puxo en valor a cooperación público-privada, un esforzo conxunto que, segundo salientou, se enmarca na Estratexia de Internacionalización. Esta folla de ruta, afondou, busca facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, e ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

Para seguir contribuíndo a estas cifras, a Xunta destinará máis de 20 millóns de euros en 2023 a colaborar co tecido empresarial galego para manter o mellor ciclo exportador da súa historia.

“Programas como Galicia Exporta Empresas facilitan á consecución destes obxectivos”, incidiu Guldrís, resaltando que, desde a súa posta en marcha, só na provincia de Pontevedra impulsáronse xa máis de 780 de plans de internacionalización cunha achega superior aos 21 millóns.

Aposta pola innovación

O director do Igape fixo extensible a importancia desa colaboración público-privada a outros ámbitos como o da innovación, onde puxo tamén de exemplo a Industrias Ferri, que no marco das liñas relacionadas coa Industria 4.0 está a impulsar distintos proxectos, un relacionado coa implementación de sensores nos equipos para a súa automatización e control remoto, e outro centrado na dixitalización dos procesos produtivos da compañía.

“Industrias Ferri é unha boa mostra do que representa a colaboración co tecido empresarial, que permite ás empresas galegas mellorar a súa competitividade”, salientou Guldrís, quen resaltou que a liña de Dixitalización Industria 4.0 promoveu ata o de agora máis de 300 iniciativas en Pontevedra por un  valor superior aos 15,5 millóns. 

 

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis