Conde destaca nas Somozas que tres dos catro proxectos industriais estratéxicos declarados en galicia ata este momento son de ferrolterra

Venres, 10 Febreiro 2023 11:30
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá nun networking.
  • Solicita que se desbloqueen os Fondos de Transición Xusta para convocar as axudas.
  • Lembra que desde hoxe se poden solicitar os apoios do programa Bonos de innovación.
  • A provincia da Coruña, cun incremento do 55% nas exportacións, está contribuíndo a que Galicia poida pechar 2022 cun novo récord de vendas ao exterior.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou esta mañá, durante un networking nas Somozas, que tres dos catro proxectos industriais estratéxicos declarados en Galicia ata o momento son de Ferrolterra. Trátase da planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP Renovables e a factoría de pneumáticos de Sentury -os dous nas Pontes- así como o proxecto de Forestal del Atlántico en Mugardos para a xeración de metanol, que suman un investimento de 863,3M€.

O encontro enmarcouse nas xornadas que desde a Xunta se están realizando polos concellos galegos para presentar o mapa de axudas que a Administración galega ten á disposición do tecido empresarial, así como para escoitar de primeira man as súas necesidades. Neste caso, As Somozas é un concello emprendedor, o que supón prioridade de acceso ás axudas convocadas pola Xunta a cambio de que o concello ofreza bonificacións de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO aos proxectos empresariais de nova implantación ou ampliación, máis simplificación administrativa, así como máis facilidades de acceso ao solo industrial.

Conde puxo en valor que o esforzo conxunto entre as administracións e os empresarios ten permitido xerar oportunidades neste contexto de transformación industrial na comarca de Ferrolterra, onde viron a luz un 14% máis de empresas que no ano 2021. Tamén repasou algúns dos proxectos que buscan implantarse na zona como a planta de IFFE-Biotech para producir aceites omega-3, a bioplanta de Ence, a fábrica de compoñentes de eólica mariña de Nervión Naval Offshore, a planta de valorización de material de rexeitamento Valogreen Recinor ou a central hidroeléctrica reversible de Magtel, ademais dos tres proxectos industriais estratéxicos.

O vicepresidente económico explicou que desde a Xunta estase a traballar para que a iniciativa privada aposte por Galicia a través de medidas como a Lei de simplificación administrativa e, á vez, estanse buscando oportunidades a través da transición enerxética. Neste sentido, reclamou ao Goberno a revisión da planificación da rede eléctrica para incrementar os investimentos nas redes de distribución e transporte, así como o desbloqueo dos Fondos de Transición Xusta para poder convocar as axudas, das que se van beneficiar os principais proxectos previstos para a comarca de Ferrolterra.

Apoios para as pemes

No encontro, repasáronse os apoios que xa están abertos para impulsar a innovación e sustentabilidade entre o tecido empresarial. É o caso dos Bonos de innovación que xa se poden solicitar desde hoxe. Trátase dunha liña destinada a pemes para contratar servizos externos, de tramitación ou proxectos de deseño que lles permita avanzar na I+D+i. Prevese mobilizar 1M€. Por outra banda, destínase 1,5M€ á convocatoria de economía circular para promover entre pemes e autónomos procesos produtivos máis eficientes.

Conde finalizou referíndose á internacionalización e aos bos datos das exportacións galegas que en 2022 marcarán un novo récord, cifras ás que a provincia da Coruña contribuíu entre xaneiro e novembro con 11.130M€ en vendas ao exterior, mellorando as súas estatísticas nun 55% con respecto a 2021.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis