Conde destaca a oportunidade que ten Galicia de impulsar a tecnoloxía como aliada da sustentabilidade

Xoves, 09 Febreiro 2023 16:05
  • Salienta que o reto do tecido empresarial está en innovar en todo o que teña que ver coa eficiencia enerxética, a descarbonización, a economía circular e a optimización de procesos a través da dixitalización.
  • Apunta que desde mañá xa se poden solicitar as axudas do Bono de Innovación, dirixidas a incentivar a I+D+i entre pemes e microempresas.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe que, no actual contexto de transición enerxética e dixital, a tecnoloxía é unha aliada da sustentabilidade, o que hai que avaliar como unha oportunidade para Galicia. Así o manifestou na presentación do plan de negocio de Coca-Cola Europacific Partners para o ano 2023 na rexión Noroeste.

Conde salientou a oportunidade para o tecido empresarial de innovar en todo o que teña que ver coa eficiencia enerxética; a descarbonización e a busca de procesos máis limpos e respectuosos co medio ambiente; a economía circular; a mobilidade sustentable e a optimización de sistemas a través da dixitalización.

O vicepresidente económico manifestou que o binomio indivisible que forman a innovación e a sustentabilidade é o que a Xunta de Galicia quere promover en todo o tecido empresarial galego con liñas de axuda como o Bono de Innovación que, a partir de mañá venres, xa se pode solicitar.

Segundo explicou, a previsión é mobilizar máis dun millón de euros na base do sistema, que son as pemes e microempresas, para que incentivar nelas a I+D+i con axudas máximas de ata 35.000 euros que cobren, entre outros, o custo de contratar servizo externos, de tramitación ou proxectos de deseño.

Conde apuntou que na edición do ano pasado se beneficiaron do Bono de Innovación 66 empresas galegas. E puxo de relevo que máis da metade, un 67 por cento, era a primeira vez que optaban a axudas da Axencia Galega de Innovación.

O vicepresidente primeiro da Xunta concluíu destacando os máis de 60 anos que Coca-Cola Europacific Partners leva operando na planta da Coruña e o seu compromiso medioambiental, económico e social con Galicia.

 

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis