A Xunta promove o investimento empresarial para que pemes e autónomos impulsen novos proxectos, diversifiquen produtos e melloren liñas de produción

Mércores, 08 Febreiro 2023 18:19
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou Lau Creaciones, empresa de Santiago de Compostela dedicada á comunicación gráfica que, grazas ao programa Galicia Inviste, adquiriu unha nova prensa dixital que lle permite competir en prezo, calidade e capacidade produtiva no mercado actual.
  • Salientou a importancia deste programa que, na liña destinada a equipamentos produtivos, permitiu pór en marcha nun só exercicio máis dunha ducia de proxectos que mobilizaron 4,6 M€ na provincia.
  • Subliñou a importancia deste e outros programas que facilitan a mellora competitiva do tecido produtivo, como a liña de economía circular, que ten aberta unha nova convocatoria que suma 1,5 M€.

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións da empresa Lau Creaciones, onde puxo en valor a importancia que ten para a mellora competitiva das pemes locais programas como Galicia Inviste, que facilitan o investimento empresarial permitindo novos proxectos, a diversificación de produtos e a mellora das liñas de produción xa existentes.

Neste sentido, expuxo Guldrís, Lau Creaciones “é un bo exemplo” das posibilidades que ofrecen esta e outras liñas impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape. “Neste caso concreto, o programa contribuíu á adquisición dunha nova prensa dixital que lle permite á empresa competir en prezo, calidade e capacidade produtiva no mercado”, subliñou.

Sobre esta base, o director do Igape salientou que o Galicia Inviste ofreceu o último ano tres liñas distintas de actuación, unha centrada en proxectos de investimento empresarial, outra que atende a iniciativas de mellora do sector de aloxamento, e unha terceira que pon o foco en facilitar investimentos específicos para maquinaria e equipamentos produtivos. Esta última, precisou, permitiu pór en marcha na última convocatoria máis dunha ducia de proxectos na provincia da Coruña que mobilizaron 4,6M€.
 
Unhas cifras que se enmarcan no total de actuacións levadas a cabo no marco do Galicia Inviste, para o que o goberno galego leva destinados nos últimos cinco anos preto de 12M€ na provincia, que permitiron impulsar 129 proxectos, mobilizando arredor de 47M€.
 
“Con iniciativas como esta reforzamos o noso compromiso co tecido empresarial, en particular coas pequenas e medianas empresas e cos autónomos, na procura de facilitar o aceso a axudas e financiamento que precisan para realizar os seus investimentos e potenciar así a xeración de emprego, a innovación e a posta en marcha de proxectos empresariais”, resaltou Guldrís.
 

Neste contexto, o director do Igape lembrou outros programas xa en marcha e con períodos de solicitude abertos, como os obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada, que promoven proxectos de colaboración máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía; ou a liña de Economía Circular, cuxa nova convocatoria suma 1,5M€ para apoiar modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis