A Xunta destina 435.100 € a 18 pemes lucenses para implementar proxectos de dixitalización

Luns, 06 Febreiro 2023 18:21
  • O delegado territorial, Javier Arias, visitou as instalacións de A Vida 013, que está a introducir un sistema integrado de xestión para o mellor control de todas as operacións de produción e administración.

A Xunta de Galicia destina 435.100 euros a 18 pemes   lucenses para a incorporación de proxectos de dixitalización co apoio da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). O programa Dixitalización Industria 4.0 pretende impulsar a transformación da industria tradicional cara a modelos tecnolóxicos avanzados, favorecendo modelos de negocio diferenciais baseados na innovación e na tecnoloxía.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe no polígono industrial do Ceao as instalacións da empresa A Vida 013, unha das beneficiarias, que se dedica á realización de todo tipo de revestimentos, deseño de interiores e decoración. Conta con varios centros de traballo en Lugo, que acollen a arredor de 150 traballadores e traballadoras.

A firma está a implementar un sistema integrado de xestión para dar soporte aos procesos de compra, fabricación, distribución, facturación, requirimentos legais ou xestión contable. Deste xeito, logran un mellor control de todas as operacións.

Arias destacou o crecemento experimentado por esta empresa nos últimos anos e o feito de que “se apoie na innovación para continuar ampliando os seus horizontes e xerando postos de traballo en Lugo”. Neste sentido, lembrou que estas axudas do Igape “tratan de estender o impacto positivo da innovación baseada na transformación dixital a todas as empresas galegas, en especial ás pemes”.

12 das empresas beneficiarias teñen a sede social no municipio da capital, e as demais están situadas en Sarria, Rábade, Portomarín, Chantada, Begonte e Alfoz. Entre todas suman un investimento apoiado de 1,2 millóns de euros.

O delegado territorial gabou o esforzo que realiza o tecido produtivo da provincia, e subliñou que a substitución de procesos manuais por procesos dixitais supón un aforro en tempo e produtividade e achega información máis fiable para a toma de decisións, co conseguinte incremento da competitividade.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis