A Xunta abre dúas liñas de axuda para apoiar o tecido empresarial en proxectos de economía circular e con préstamos directos

Venres, 03 Febreiro 2023 16:35
  • Estas dúas liñas de apoios están abertas desde este mes e suman en total preto de 20M€.
  • Conde avoga pola colaboración entre administracións e, á súa vez, co tecido produtivo para abrir novas oportunidades para a atracción de investimentos.
  • Destaca os bos datos de exportacións acadados na provincia de Ourense de xaneiro a novembro, con 1333,2 millóns de euros, un 21,5% máis que no mesmo período de 2021.
  • Refírese á comarca de Valdeorras como a capital do sector da lousa en Galicia, onde se concentra o 90 por cento da produción, con 2400 postos de traballo vinculados en toda a Comunidade.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou hoxe da convocatoria de dúas liñas de axudas para apoiar o tecido empresarial galego en proxectos de economía circular e con préstamos directos.

Durante a súa participación nunha xornada de networking en colaboración coa Asociación de Empresarios do Barco de Valdeorras, Conde explicou que a primeira destas liñas de apoios, para promover procesos e consumos máis eficientes entre pemes e autónomos, suma 1,5 millóns de euros e está aberta desde este mes. Achega axudas máximas de ata 200.000 euros para proxectos colectivos e de 75.000 euros para iniciativas individuais.

Por outra banda, a segunda liña son préstamos directos que suman 18M€ e que, desde este mes, a Xunta pon á disposición de pemes, autónomos, centros tecnolóxicos, fundacións e organizacións empresariais. Teñen como obxectivo financiar investimentos estratéxicos e tamén axudar á industria fronte ao incremento do custo das materias primas e a enerxía.

Na súa intervención, Conde, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, avogou pola colaboración entre administracións e, á súa vez, co tecido produtivo para abrir novas oportunidades para a atracción de investimentos. Ao respecto, referiuse á contribución que fan os Concellos Emprendedores —como O Barco de Valdeorras e Carballeda de Valdeorras— á hora facilitar a implantación de novos proxectos empresariais que veñan diversificar e complementar o tecido produtivo galego.

Conde salientou a importancia de “estar preto das empresas; sobre todo —puntualizou—, das máis pequenas” e, nese contexto, destacou os bos datos de exportacións acadados na provincia de Ourense de xaneiro a novembro, con 1333,2 millóns de euros, un 21,5% máis que no mesmo período de 2021. Neste contexto, recoñeceu que a comarca de Valdeorras é a capital do sector da lousa en Galicia, onde se concentra o 90 por cento da produción, con 2400 postos de traballo vinculados en toda a Comunidade.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis