IG297 - AXUDAS PARA ATRACCIÓN DE EMPRESAS A GALICIA (2024)

Finalidade / Obxectivo

O obxecto destas bases é a concesión de axudas para o financiamento de proxectos de investimento empresarial das seguintes modalidades:

1. Proxectos de investimento empresarial cun investimento subvencionable entre 800.000 € e 10.000.000 €.

2. Proxectos de investimento igual ou superior a 100.000 €, cunha creación de emprego de 25 ou máis postos de traballo de carácter indefinido a tempo completo.

Tipos de apoio

Subvención en réxime de concorrencia non competitiva.

As axudas da presente convocatoria son susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das persoas beneficiarias polo 40 % restante. En particular:

Obxectivo político 1. Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Obxectivo específico 1.3. O reforzo do crecemento sustentable e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas, tamén mediante investimentos produtivos.
Liña de actuación 1.3.01. Apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial, especialmente das pemes, para promover o crecemento sustentable, a competitividade e a creación e o mantemento do emprego.
Ámbito de intervención 021. Desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.

Beneficiarios potenciais

1. As pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao amparo do regulado nas presentes bases.

2. Consideraranse pemes as empresas que, á data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.

3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas que propoñan un proxecto para unha actividade pertencente a un sector excluído segundo o disposto no artigo 5.2. das presentes bases.
b) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipos para os que solicitan a axuda.
c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
d) As empresas en crise.
e) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
f) As empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros.

Sectores incentivables

1. Serán subvencionables os investimentos proxectados ou o emprego a crear para o desenvolvemento de calquera actividade económica, agás as excluídas nos seguintes apartados.

2.Exclúense as seguintes actividades:

a) A produción e comercialización agrícola primaria.

b) O sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

3. Exclúense tamén as seguintes actividades:

a) Produción e distribución de enerxía e infraestruturas enerxéticas.

b) A fabricación, a transformación e a comercialización de tabaco e produtos do tabaco.

c) A produción, a transformación, o transporte, a distribución, o almacenamento ou a combustión de combustibles fósiles.

4. Tampouco poderán concederse axudas para financiar os seguintes tipos de investimento:

- a construción de centros que presten servizos de formación
- infraestruturas residenciales para colectivos en risco de institucionalización
- a clausura ou a construción de centrais nucleares
- investimentos destinados a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro
- infraestruturas aeroportuarias
- investimentos en eliminación de refugallos en entulleiras
- investimentos en aumentar a capacidade das instalacións para o tratamento de refugallos residuais, coa excepción de investimentos en tecnoloxías para recuperar materiais de refugallos residuais con fins de economía circular.

Requisitos principais do proxecto

Serán subvencionables os investimentos en activos fixos, ou alternativamente os custos salariais dos novos contratos de carácter indefinido e a tempo completo vinculados ao investimento, cando o proxecto resposte a unha das seguintes tipoloxías:

1. Creación dun novo establecemento.
2. Ampliación de capacidade dun establecemento existente.
3. Diversificación da producción dun establecemento existente en productos que anteriormente non se producían no mesmo.
4. Cambio fundamental no proceso global de producción do produto ou produtos afectados polo investimento no establecemento.

Na modalidade I.2 de proxectos de investimento igual ou superior a 100.000 € cunha creación de emprego de 25 ou máis postos de traballo, só serán admisibles as tipoloxías de proxecto 1 e 2.

1. Os proxectos de creación dun novo establecemento deberán responder a algunha das situacións seguintes:

- Creación dun primeiro establecemento.
- Creación dun novo establecemento noutra ubicación diferente ou por traslado con ampliación da capacidade produtiva.

2. Nos proxectos de diversificación da produción dun establecemento existente en productos que anteriormente non se producían no mesmo, o investimento subvencionable deberá superar o 200% do valor neto contable dos activos que se reutilizan, de acordo cos rexistros do balance de situación das contas anuais correspondentes ao último exercicio económico pechado á data de presentación da solicitude.

4. Os proxectos de cambio fundamental no proceso global de producción suporán a implementación dunha innovación no proceso global de produción que impliquen o uso por primeira vez de métodos de organización que inclúan melloras nas rutinas e procedementos de xestión do traballo, dos sistemas de produción ou a integración de áreas funcionais da empresa.


1. Os proxectos deberán ter un investimento mínimo subvencionable de 800.000 € e máximo de 10.000.000 € para os proxectos da modalidade I.1 e mínimo de 100.000 € coa creación de polo menos 25 novos empregos de carácter indefinido e a tempo completo para a modalidade I.2.

2. A persoa beneficiaria deberá realizar unha aportación financeira mínima do 25% dos custos subvencionables, mediante os seus propios recursos ou mediante financiamento externo, exenta de calquera tipo de axuda pública.

3. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto, a persoa solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable.

4. O período de execución dos investimentos subvencionables, ou no seu caso da creación de emprego, abarcará desde a data de presentación da solicitude ata a data de remate do prazo establecido na resolución de concesión. Con carácter xeral, rematará dentro dos 24 meses seguintes á data de notificación da resolución de concesión.

5. Cando o importe de algún investimento previsto no proxecto supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público (igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición dun ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra) a solicitante deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben.

6. Os proxectos deberán esta vinculados a un único titular. Non serán subvencionables os investimentos que vaian ser utilizados por empresas distintas á solicitante.

Investimentos ou gastos computables

Conceptos de investimento elixibles.

1. Obra civil e outros conceptos inmobiliarios:

a) Nova construcción, reforma ou rehabilitación de instalacións levadas a cabo en inmobles ou terreos propiedade da persoa solicitante, ou sobre os que a persoa solicitante teña un dereito de superficie ou unha concesión administrativa (outorgados por persoas ou entidades non vinculadas á persoa solicitante) cunha vixencia mínima de 5 anos a contar desde a data de finalización do proxecto establecida na resolución ou acordo de concesión.

b) Reformas de instalacións levadas a cabo en inmobles alugados por persoa ou entidade non vinculada coa persoa solicitante. O arrendamento deberá ter una vixencia mínima de 5 anos a contar desde a data de finalización do proxecto que figure na resolución ou acordo de concesión.

c) Adquisición de edificacións ou construcións novas ou usadas.

d) Nos casos de construcións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, o custo subvencionable máximo será o que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos e o valor dos da antiga localización.

2. Bens de equipamento: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, utillaxe (incluídos os moldes, plantillas e troqueis), equipos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.

En ningún caso terán a consideración de bens de equipamento as obras necesarias para a súa instalación.

3. Outros investimentos en activos fixos: mobiliario, equipos para procesos de información e envases ou embalaxes que, polas súas características, deban considerarse como inmobilizado.

4. Aplicacións informáticas directamente vinculadadas co proceso produtivo.

5. Adquisición de activos dun establecemento.

Os proxectos deberán acadar a seguinte simetría entre o investimento infraestructural (obra civil e outros conceptos inmobiliarios), que denominaremos “O” e o investimento subvencionable en bens de equipamento e otros investimentos en activos fixos, que denominaremos «M».
O importe que se subvencionará no conxunto de investimento «O» será, como máximo, 1,5 veces «M».

- Os activos adquiridos deberán ser novos, excepto para a adquisición de construcións ou inmobles nos casos e cos requisitos nos que así se prevexa expresamente, ou para a adquisición de activos dun establecemento que pechou ou que pecharía se non se adquirirá.

- Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitíndose, como excepción e de xeito expreso, a obra civil en terreos sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou as reformas de instalacións en inmobles alugados nos casos nos que así se prevexa no apartado 1.B)

- Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou Xestores.

- Quedan excluídos dos investimentos subvencionables:

a) Os investimentos de reposición ou mera substitución de elementos, salvo que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía usada ou polo seu incremento de rendemento manifesto, que estean vinculados coa tipoloxía do proxecto subvencionable.
b) Os custos de traslado de bens equipo que xa sexan propiedade da empresa.
c) Os custos de adaptacións á normativa vixente, salvo as directamente relacionadas cos elementos obxecto de investimento.
d) A adquisición das instalacións nas que a solicitante viña desenvolvendo a súa actividade en réxime de alugueiro ou dereito de uso de calquera tipo.

En ningún caso se considerará o IVE como concepto subvencionable.

Contía das axudas

A contía da axuda será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable para a modalidade I.1 e os custos salariais de ata 24 meses do emprego novo a crear para a modalidade I.2 pola porcentaxe de subvención seguinte:

35% no caso das pequenas empresas
25% no caso de medianas empresas

Nos sectores industriais do carbón, aceiro e ferroaleacións e no sector do transporte e infraestruturas conexas:

20 %, no caso das pequenas empresas.
10 %, no caso das medianas empresas.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 08:00 horas do día hábil seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG e finalizará ás 14:00 horas do 30 de setembro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos ou empregos (custos salariais) subvencionados.

Referencia lexislativa

Resolución do 27 de decembro de 2023 (DOG Nº14 do 19/01/2024) - Bases reguladoras
Resolución do 27 de decembro de 2023 (DOG Nº28 do 08/02/2024) - Corrección de erros

Información e tramitación

As pemes interesadas só poderán presentar unha única solicitude de axuda nesta convocatoria.

Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico

Observacións

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de xuño de 2026.