IG295 - GALICIA EXPORTA EMPRESAS - AXUDAS PARA A EXECUCIÓN DE ACCIÓNS DE PROMOCIÓN EXTERIOR DAS EMPRESAS GALEGAS (2023)

Finalidade / Obxectivo

Estas axudas teñen como obxecto incentivar a realización de accións de promoción exterior xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais.

Tipos de apoio

Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva.
As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis.

Esta convocatoria está financiada con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Beneficiarios potenciais

As empresas, incluídos os autónomos, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran coa definición de peme segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e que conten no devandito centro con polo menos un traballador por conta allea, na data de publicación no DOG destas bases de axudas. Este último requisito non é aplicable ás empresas constituídas con menos de 42 meses de antigüidade na data de publicación das bases de axudas.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización, deberá facerse antes do final do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

d) Que estean ao día das súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas.

b) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.

c) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos), que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.

d) As empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Requisitos principais do proxecto

O gasto mínimo subvencionable do proxecto, terá que alcanzar a cantidade de 3.200 euros (IVE excluído).

Investimentos ou gastos computables

Serán subvencionables aqueles gastos que correspondan de xeito indubidable á natureza da actuación subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do plan para o cal foron concibidos.

O gasto mínimo subvencionable do proxecto, terá que alcanzar a cantidade de 3.200 euros (IVE excluído).

Os proxectos obxecto de apoio recollerán unha ou varias das seguintes actuacións/accións:

a) Accións de difusión.

a).1. Campañas de publicidade en prensa, revistas, radio, ou televisión, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro.

Gastos subvencionables:
Só se subvencionarán os gastos de compra de espazos publicitarios e insercións nos medios citados anteriormente.

Non se subvencionarán gastos de deseño e elaboración dos anuncios, gastos de axencia nin outros semellantes, agás os indicados neste apartado. As campañas deberán ser realizadas dentro do prazo de execución do proxecto.

a).2. Elaboración de catálogos físicos e dixitais para a súa difusión en mercados estranxeiros.

Gastos subvencionables:
Gastos de deseño, elaboración, edición, montaxe, produción, tradución e impresión de catálogos en formato papel e dixital para difusión en mercados estranxeiros.

Quedan excluídos deste apartado os carteis, listas de prezos, manuais de instrucións, flyers, displays, roll up, ou outros elementos de similares características.

As accións de difusión recollidas no apartado a).2 só poderán ser subvencionadas cando estean vinculadas á execución, polo menos, dunha das accións recollidas no artigo 5.1.b).

b) Accións de promoción.

b).1. Neste apartado inclúense:

- A participación como expositor en feiras comerciais de carácter internacional organizadas por terceiros, que se celebran no estranxeiro, así como as que teñen lugar en España sempre que estean incluídas no Calendario Oficial de Feiras Comerciais Internacionais aprobado pola Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para os anos 2023 publicadas no Boletín Oficial do Estado.

- A participación como expositor noutros eventos expositivos de carácter internacional e de duración limitada, organizados no estranxeiro por terceiros non vinculados á empresa solicitante nin empresarial nin comercialmente. Quedan incluídos nesta definición actuacións tales como: xornadas técnicas e demostracións, desfiles, participación en concursos ou certames, catas, degustacións, e outras de similar natureza. A presenza como expositor obedecerá a un obxectivo comercial preestablecido ou responderá a unha oportunidade de negocio previamente identificada, relacionadas directamente cos bens ou servizos que produce ou presta o beneficiario.

Non son subvencionables as visitas ás feiras ou aos eventos expositivos.

Gastos subvencionables:
1º Gastos de viaxe ao destino de celebración da feira ou evento expositivo.
Só son subvencionables os gastos de viaxe correspondentes a billetes de avión, tren e/ou autobús, taxas, seguros de viaxe e comisión da axencia de viaxe.
2º Aloxamento en destino final, en réxime de aloxamento e almorzo, na cidade de celebración da feira ou evento expositivo ou nos seu arredores.
3º Gastos de aluguer de espazos e/ou stand, e servizos relacionados coa participación na feira ou evento, por exemplo: dereitos de inscrición, montaxe e desmontaxe de stand, aluguer de mobiliario e equipamento, aluguer de equipos audiovisuais, participación en actividades paralelas organizadas no marco da feira; contratación de intérpretes, modelos ou de persoal de apoio.

Para ser elixibles, estes servizos deben estar facturados polo organizador da feira ou evento expositivo, ou polas súas empresas provedoras ou colaboradoras. Exceptúanse os gastos de montaxe e desmontaxe de stand, que poderán ser facturados directamente por unha empresa provedora independente.

Nestes gastos aplícase o método de custos simplificados baseado en sumas a tanto alzado.

b) 2. Visitas promocionais á sede da empresa en Galicia: inclúe visitas presenciais de clientes, compradores, importadores, distribuidores, medios de comunicación ou outro tipo de prescriptores con sede no estranxeiro, co obxecto de dar a coñecer ao exterior as posibilidades da empresa e os seus produtos e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación internacional. As viaxes poderán realizarse tanto ás instalacións da empresa en Galicia, como ao lugar de emprazamento en Galicia dun proxecto que a empresa solicitante teña realizado ou estea realizando e que queira mostrar como modelo a clientes potenciais. Tamén poderán incluírse visitas a puntos estratéxicos en Galicia para a exportación da empresa (portos, aeroportos, centros loxísticos, Organismos públicos, etc.).

Neste tipo de accións exíxese un mínimo de 2 empresas/prescriptores visitantes.

Gastos subvencionables:
1º Gastos da viaxe a Galicia das persoas das empresas/prescriptores visitantes, correspondentes a avión, tren e/ou autobús, taxas de visado, seguros de viaxe e comisión da axencia de viaxe.
2º Gastos de aloxamento en Galicia das persoas das empresas/prescriptores visitantes
3º Gastos de desprazamentos en Galicia mediante servizo contratado: autobús, minibús, taxi ou vehículo con condutor.
4º Gastos de intérpretes.

No caso de que a visita estea formada por empresas/prescriptores procedentes de varios países, o importe calcularase utilizando os límites da área xeográfica da que procedan a súa maior parte. No caso de que coincida o número de empresas provenientes de varias zonas, tomarase o límite da área xeográfica con maior importe de incentivo.

Só se poderá presentar e aprobar unha solicitude por persoa beneficiaria, na que se poderán incluír varias accións das mencionadas nas letras da a) e b) do apartado 1 deste artigo. No caso de presentar máis dunha solicitude entenderase implícita a desistencia ou renuncia da anterior.

3. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os seguintes conceptos:

a) Os custos de mailings.
b) Os convites.
c) Os custos de elaboración e posicionamento de páxinas web e redes sociais.
d) Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
e) Folletos, material de papelería, tarxetas, sobres, carpetas, listas de prezos e calquera outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.
f) Produtos de merchandising e outros agasallos promocionais.
g) O aluguer de espazos expositivos ou promocionais que se utilicen como puntos de venda directa.
h) Aqueloutros que non estean directamente vinculados coa realización da acción subvencionable.

4. So sé poderá presentar e aprobar unha solicitude por beneficiario e liña, na que se poderán incluír varias accións das mencionadas. No caso de presentar mais de unha solicitude entenderase implícita a desistencia ou renuncia da anterior.

5. Os gastos subvencionables serán os realizados pola empresa dentro do prazo de execución e facturados entre o día 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de decembro de 2023.

6. A solicitude de axuda poderá incluír accións integramente executadas con anterioridade á súa presentación. Neste caso, xunto coa solicitude poderá achegarse a documentación xustificativa do cumprimento das condicións impostas relacionadas no artigo 17 destas bases. Se a documentación estivese completa, o órgano instrutor resolverá a concesión da axuda, e procederá ao pagamento ao número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.

Se a solicitude de axuda inclúe accións que se deban executar con posterioridade á data de solicitude, non se poderán incluír accións posteriores ao 15 de decembro de 2023 (data de facturación).

7. Os provedores teñen que ser independentes, non poderán estar asociados nin vinculados entre si nin coa entidade solicitante nin cos seus órganos directivos ou xestores.

Non serán admisibles as facturas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do servizo atendendo ao seu obxecto social e/ou alta en actividade económica compatible cos servizos prestados.

Excepcionalmente, poderase autorizar a contratación con provedores vinculados, con carácter previo á concesión, cando se xustifique a necesidade por parte da persoa solicitante e se acredite que a contratación atende a prezos de mercado.

8. Cando o importe do tipo de gasto subvencionable supere as contías establecidas na de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

9. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

10. Todos os gastos deben ser facturados á empresa solicitante e pagados directamente por eles. Non se admiten pagamentos en efectivo.

11. Non se subvencionarán os servizos contratados relacionados coa actividade empresarial da persoa solicitante da axuda.

12. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

13. No caso dos activos intanxibles, para seren considerados subvencionables deberán cumprir, ademais, todas estas condicións: 1) Empregaranse exclusivamente no establece¬mento beneficiario da axuda; 2) Consideraranse activos amortizables; 3) Adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador; 4) Deberán incluírse nos activos da empresa beneficiaria e permanecer asociados ao proxecto a que se destina a axuda durante polo menos tres anos.

14. No caso de que o solicitante teña a condición de poder adxudicador nos termos previstos na lei de contratos do sector público, deberán presentar, se é o caso, o correspondente expediente de contratación tramitado ao efecto nos termos previstos nos artigos 316 a 320 da devandita Lei de contratos do sector público.

Contía das axudas

Para as accións incluídas nesta convocatoria o límite máximo de subvención (incentivo) será de 95.000 € por beneficiario e convocatoria.

Contías de axuda:

a) Accións de difusión:

a).1. Campañas de publicidade en prensa, revistas, radio, ou televisión, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro.

A contía de axuda consistirá nun importe de incentivo que variará en función do importe total do gasto subvencionable da acción:

Importe do Gasto Subvencionable / Importe Incentivo

Entre 8.001 € - 10.000 € / 6.750 €
Entre 6.000 € - 8.000 € / 5.250 €
Inferior a 6.000 € / 3.750 €

Admítese unicamente unha acción deste tipo por solicitude, que poderá englobar diferentes campañas.

a).2. Elaboración de catálogos físicos e dixitais para a súa difusión en mercados estranxeiros.

A contía de axuda consistirá nun importe de incentivo que variará en función do importe total do gasto subvencionable da acción:

Importe do Gasto Subvencionable / Importe Incentivo
Superior a 12.000 € / 9.750 €
Entre 10.001 € - 12.000 € / 8.250 €
Entre 8.001 € - 10.000 € / 6.750 €
Entre 6.000€ - 8.000 € / 5.250 €
Inferior a 6.000 € / 3.750 €

Admítese unicamente unha acción deste tipo por solicitude, que poderá englobar diferentes catálogos para mercados diferenciados.

b) Accións de promoción:

b).1. Participación como expositor en feiras e outros eventos expositivos:

Accións suxeitas ao método de custos simplificados baseado en sumas a tanto alzado. A contía de axuda consistirá nun importe de incentivo que variará en función da área xeográfica na que se desenvolva a acción:

IMPORTE DE INCENTIVO PARA PARTICIPACIÓN COMO EXPOSITOR EN FEIRAS E OUTROS EVENTOS EXPOSITIVOS

Área Xeográfica / Importe Incentivo
España e Portugal / 3.130,91 €
Toda a Unión Europea excepto Finlandia, Suecia, Dinamarca, Estonia, Letonia e Lituania / 6.261,82 €
Finlandia, Suecia, Dinamarca, Estonia, Letonia e Lituania / 7.305,46 €
Todo o resto de Europa fora da Unión Europea excepto Rusia e Reino Unido / 7.305,46 €
Rusia / 8.349,10 €
Reino Unido / 7.827,28 €
Estados da costa Este de Estados Unidos e de Canadá. Todo México / 8.349,10 €
Estados do centro de EE.UU e de Canadá (non costa) / 9.392,74 €
Estados da costa Oeste de EE.UU. e de Canadá / 9.392,74 €
Toda América central e do Sur / 8.349,10 €
China e Xapón / 10.436,37 €
Resto de Asia / 8.349,10 €
Oceanía / 9.392,74 €
África / 8.349,10 €

Non se establecen límites ao número de accións deste tipo por área xeográfica.

b).2. Visitas promocionais á sede da empresa en Galicia:

A contía de axuda consistirá nun importe de incentivo que variará en función da área xeográfica da que procedan as visitas:

IMPORTE DE INCENTIVOS PARA VISITAS Á SEDE DA EMPRESA EN GALICIA

Área Xeográfica / Importe Incentivo

Portugal / 1.743,30 €
Toda a Unión Europea excepto Finlandia, Suecia, Dinamarca, Estonia, Letonia e Lituania / 3.486,60 €
Finlandia, Suecia, Dinamarca, Estonia, Letonia e Lituania / 4.067,70 €
Todo o resto de Europa fora da Unión Europea excepto Rusia e Reino Unido / 4.067,70 €
Rusia / 4.648,80 €
Reino Unido / 4.358,25 €
Estados da costa Este de Estados Unidos e de Canadá. Todo México / 4.648,80 €
Estados do centro de EE.UU e de Canadá (non costa) / 5.229,90 €
Estados da costa Oeste de EE.UU. e de Canadá / 5.229,90 €
Toda América central e do Sur / 4.648,80 €
China e Xapón / 5.811,00 €
Resto de Asia / 4.648,80 €
Oceanía / 5.229,90 €
África / 4.648,80 €

Non se establecen límites ao número de accións deste tipo por área xeográfica.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de un mes contado dende as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo dun mes, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións, ingresos ou apoios para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais públicos ou privados sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100% do gasto subvencionable ou a intensidade máxima da axuda prevista para a outra subvención.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite nun período de tres exercicios fiscais.

Referencia lexislativa

Resolución do 18 de setembro de 2023 (DOG Nº 201 do 23/10/2023) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

*Tramitación:

1. As persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e das accións para as cales solicita a subvención, a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual.

No formulario electrónico o solicitante deberá especificar as accións para as cales solicita subvención que incluirá: os mercados obxecto das accións e, para cada acción, detalle de: tipo, título, descrición, datas de inicio e fin, orzamento e lugar de celebración (se procede).

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente polos medios electrónicos a través do for¬mulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informáti¬ca https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma, que son os que figuran nesta relación:
http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a firma da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento no que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude.

4. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación coa que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

b) As tres ofertas que, se é o caso, deban ter solicitado.

Para subvencións de importe superior a 30.000 €, o beneficiario debe cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará do seguinte xeito, de acordo co Anexo IV destas bases:

i. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante declaración responsable.
ii. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

Observacións

O prazo de execución dos proxectos iniciarase o 1 de xaneiro de 2023 e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que poida exceder do 15 de decembro de 2023. Esta data é a última admisible de facturación. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobro.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.