IG233 - GALICIA RURAL EMPRENDE - CREACIÓN DE EMPRESAS PARA ACTIVIDADES NON AGRÍCOLAS EN ZONAS RURAIS (2022) - Fin de plazo ás 14:00 h
Finalidade / Obxectivo
Serán subvencionables os proxectos dirixidos á creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación de actividades económicas non agrarias viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sostenibilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.
A definición das zonas rurais realízase por eliminación daquelas zonas consideradas densamente poboadas (urbanas) nun territorio. No caso de Galicia, só teñen esa consideración os 7 concellos dos núcleos de poboación máis grandes da comunidade autónoma (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela). Considéranse tamén non admisibles, aquelas parroquias que están en concellos non urbanos pero si teñen parroquias que teñen esta característica (Zona densamente poboada). No Anexo VII inclúese a relación de parroquias non admisibles aos efectos das presentes bases.
Estas axudas están cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020 e, en particular:
– Prioridade 6, área focal 6A: facilitar a diversificación, a creación e o desenvolvemento de pequenas empresas e a creación de emprego.
– Medida 06: desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais.
– Submedida 6.2: axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais.
O restante 25 % correspóndese con cofinanciamento nacional, asumindo o 7,5 % a Administración xeral do Estado e o 17,5 % a Xunta de Galicia.
Tipos de apoio
Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva e amparada no réxime de minimis. A axuda terá carácter de pago a tanto alzado.
Beneficiarios potenciais
a) Os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.
A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.
Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.
b) Os autónomos e as microempresas e pequenas empresas de nova creación (dentro dos 12 meses anteriores á solicitude da axuda). Non se considera que existe nova creación nos supostos de cambio de natureza xurídica (de autónomo a sociedade mercantil unipersoal, por ex.) e se os socios que representen a maioría do capital social viñeran desenvolvendo a mesma actividade por conta propia dende antes dos 12 meses anteriores á data da solicitude de axuda.
2. Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.
Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.
Non poderán ser beneficiarias das axudas previstas nestas bases reguladoras as empresas que operan no sector da pesca e da acuicultura.
Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades nas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei de subvencións.
Non poderán ser beneficiarias das axudas previstas nestas bases reguladoras as persoas físicas ou xurídicas beneficiarias deste mesmo programa en convocatorias anteriores.
Sectores incentivables
Con carácter xeral serán subvencionables as seguintes actividades:
a) Obradoiros e fábricas destinados á produción de bens e materiais.
Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.
b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE).
c) Prestación de servizos a empresas en calquera sector económico (agricultura, silvicultura, sector industrial e de servizos, ...).
d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola...).
e) Actividades de lecer, recreativas e deportivas.
f) Artesanía e actividades artesanais.
g) Actividades baseadas nas novas tecnoloxías da información e da comunicación (TICs), innovación tecnolóxica e comercio electrónico.
h) Actividades nos sectores da enxeñería, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, contabilidade, veterinaria.
i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.
j) No sector da hostalería, exclusivamente a creación de novos restaurantes situados en construcións patrimoniais senlleiras (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros…) que fagan uso do produto de proximidade.
Requisitos principais do proxecto
Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Non ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda.
b) Os gastos e/ou investimentos incluídos no plan de negocio que deberá presentar o solicitante terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.
c) Será obrigatoria a creación dun mínimo de 1 emprego, ben sexa por conta propia ou indefinido por conta allea. A creación de emprego considerarase en unidades UTA. Para estes efectos, considérase (UTA) unha unidade de traballo anual, nos termos previstos no anexo I do Regulamento 651/2014, e equivale ao traballo dunha persoa na empresa en cuestión ou por conta da dita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, computarase como fraccións de UTA. No caso de creación de emprego a tempo parcial, acumularanse as fraccións ata acadar a unidade, non computando creacións de emprego por fraccións UTA restantes.
O plan de negocio que amose a viabilidade da iniciativa, axustarase aos contidos definidos no formulario electrónico de solicitude de axuda, debendo referirse exclusivamente a unha única actividade, ao marxe doutras que poida desenvolver o solicitante.
Cualificación requerida do proxecto
1. A axuda terá carácter de pago a tanto alzado e concederase pola execución dun Plan empresarial ou Plan de negocio que terá unha duración máxima de 18 meses.
2. Os solicitantes haberán de presentar un Plan empresarial ou Plan de negocio que mostre a viabilidade da iniciativa. O plan poderá comezar a aplicarse desde o día da solicitude de axuda e como máximo dentro dos nove meses seguintes á data en que se adopte a decisión pola que se concede a axuda. Deben ser proxectos viables financeiramente e axustarse á normativa sectorial correspondente (comunitaria, estatal e autonómica) e o promotor non debe estar suxeito a situación ou procedemento xurídico e/ou administrativo que o inhabilite para poder optar á subvención.
3. Dependendo da natureza e da magnitude da actuación proxectada, e con maior extensión e concreción en función destes principios, deberá incluírse un capítulo específico sobre problemas relacionados co cambio climático, centrado nas medidas de mitigación e adaptación que se adoptarán.
4. As operacións non deben estar iniciadas na data de presentación da solicitude e deben desenvolverse no ámbito xeográfico das zonas definidas como rurais de Galicia. Ademais deben ser finalistas e cumprir os obxectivos para os que foron aprobados no momento da certificación final, non admitíndose fases de proxectos.
As solicitudes que cumpran coas condicións necesarias serán avaliadas de acordo co seguinte baremo xeral, cunha base de puntuación de 100 puntos:
a) O sector de actividade a que se dirixe o proxecto (máx. 20 puntos). Aos proxectos dos sectores relacionados no anexo III destas bases asignaránselle 20 puntos; resto de actividades 0.
b) O valor engadido medio xerado pola actividade económica en que se vai encadrar o proxecto (en función da ratio asignable a cada sector de actividade a 2 díxitos), segundo as táboas indicadas no anexo IV destas bases (máx. 20 puntos).
A puntuación vén dada por aplicación da seguinte fórmula: (valor engadido medio do sector x 20) / 98,34%, sendo 98,34 o valor máis alto do Valor Engadido Bruto Medio por sectores de actividade.
c) Compromiso de creación de emprego (máx. 25 puntos). Outorgaranse 5 puntos pola creación de cada novo emprego – en termos UTA - indefinido por conta allea.
d) Innovación. Outorgaranse 10 puntos aos proxectos ou empresas innovadores. Consideraranse como tales os que obtiveran a cualificación como iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT) por parte do órgano competente da Xunta de Galicia, as empresas certificadas como spin-off das universidades galegas, os proxectos seleccionados para participar nas convocatorias das incubadoras e aceleradoras de innovación promovidas pola Xunta de Galicia ou por outras entidades públicas ou privadas, as empresas inscritas no Rexistro de Pemes Innovadoras do Ministerio de Ciencia e Innovación, as empresas que dispoñan da certificación EA 0047:2015 ou EA 0043:2015 de Peme Innovadora ou Xove Empresa Innovadora respectivamente, as empresas que obtiveran a marca EIBT de empresa innovadora de base tecnolóxica outorgada pola Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación (ANCES).
e) Economía verde e circular. Outorgaranse ata 10 puntos pola aplicación de medidas concretas, efectivas e cuantificables de redución da pegada de carbono no proceso produtivo, nos aprovisionamentos, na distribución, no consumo enerxético, de auga ou outros insumos e pola redución e valorización dos residuos.
f) Ás entidades de economía social outorgaránselle 5 puntos. A efectos destas bases, consideraranse empresas de economía social as cooperativas, sociedades laborais, sociedades agrarias de transformación, empresas de inserción e centros especiais de emprego.
g) Outorgaranse 5 puntos aos proxectos desenvolvidos por emigrantes galegos retornados. Aos efectos destas axudas, consideraranse como tales as persoas que, residindo legalmente fóra de España con nacionalidade española un mínimo de 3 anos inmediatamente anteriores ao retorno, estableceran a súa residencia na Comunidade Autónoma galega a partires de 01.01.2021 e sexan persoas galegas e nacidas en Galicia ou descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.
h) Outorgaranse 5 puntos ás empresas que implanten un plan de igualdade e o rexistren no REGCON. A estes efectos a solicitante deberá comprometerse á implantación e rexistro dentro do prazo de 18 meses de desenvolvemento do plan de empresa mediante declaración expresa no cuestionario de solicitude.
Tras a baremación, o órgano avaliador considerará unicamente as solicitudes que acadaran 30 puntos.
Contía das axudas
A axuda consistirá nunha prima cuxa contía básica establécese en 20.000 euros, e que poderá incrementarse ata un máximo de 45.000 euros nas seguintes situacións:
a) Creación de emprego indefinido (mínimo 1 emprego UTA). A creación de emprego debe ser adicional, ademais da man de obra correspondente ao beneficiario da axuda: 20.000 euros.
b) Ubicación nunha zona con limitacións naturais ou outras limitacións específicas contempladas no artigo 32 do Regulamento (UE) 1305/2013, e relacionadas no anexo VI das bases reguladoras: 5.000 euros.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días hábiles a contar dende o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O prazo finaliza o 8 de marzo ás 14:00 h.
Incompatibilidades
As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, polo tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo proxecto ou finalidade leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros, ...).
Coa excepción anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública coma privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100 % dos custos subvencionables aprobados.
Referencia lexislativa
Resolución do 17 de decembro de 2021 (DOG Nº1 do 03/01/2022) - Bases reguladoras e convocatoria 2022
Información e tramitación
INFORMACIÓN:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE solicitando cita previa en http://citaprevia.igape.es/
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]
TRAMITACIÓN:
Os interesados deberán cubrir un formulario descritivo do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.
Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica, a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización.
Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante. A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @ firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación http://admi-nistracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.
As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) Para todas as solicitudes:
1º Certificado de vida laboral á data de solicitude de axuda dos promotores (persoas físicas) e, no caso de sociedades, de todos os socios.
2º Informe de vida laboral á data da solicitude de todas as contas de cotización.
b) Para sociedades:
1º Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, e modificacións posteriores de ser o caso, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
2º Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
c) Para membros de unidades familiares dunha explotación agrícola:
1º Acreditación da inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agraria de Galicia.
2º Acreditación da cualificación de Explotación Agraria Prioritaria.
3º Acreditación do grao de parentesco co titular da explotación.
d) No caso de que soliciten a valoración dos criterios d) (innovación) e g) (emigrante galego/a retornado/a) do anterior artigo 6.2, deberán achegar os documentos acreditativos do cumprimento das condicións.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Observacións
O prazo máximo de execución e xustificación dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de xuño de 2023.
O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobro da primeira cota da axuda concedida (60%) como máximo o 30 de outubro de 2022.