IG292 - AXUDAS AO INVESTIMENTO DAS GRANDES EMPRESAS E PEMES PARA A CREACIÓN DE CENTROS DIXITAIS (PROGRAMA CENTROS DIXITAIS) (2024)
-
Documentos de interese:
- Resolución do 2 de outubro de 2024 (DOG Nº198 do 14/10/2024) - Bases reguladoras
- Extracto das bases
Finalidade / Obxectivo
O obxecto destas axudas é o de apoiar a posta en marcha de proxectos de creación de Centros Dixitalizados para o desenvolvemento de sistemas e conectividade dixital, para a monitorización ou xestión remota de activos ou instalacións, para o control e comando de operacións en calquera ámbito de actividade, especialmente para instalacións de produción ou de xeración de enerxías renovables e no ámbito da mobilidade. O valor aportado irá alén dunha empresa concreta, podendo xerar instalacións de usos combinados multipropósito.
Por exemplo, sistemas de simulación e sistemas de control de activos conectados, flotas de vehículos, captación e almacenamento de datos; sistemas de telemetría e telecomando tamén aplicables a vehículos e flotas, pero tamén as instalacións enerxéticas, zonas de seguridade e espazos loxísticos, entre outros.
Estas infraestruturas poderán ser para uso exclusivo da empresa promotora do proxecto ou ben para o seu uso aberto e compartido, contribuíndo en todo caso a reforzar o contorno das empresas e os consumidores, e a dixitalización, modernización e desenvolvemento da base industrial, co fin de mellorar a súa competitividade.
Tipos de apoio
Subvención en réxime de concorrencia competitiva.
A presente convocatoria é cofinanciada no marco do Programa do FTX de España 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do 70%, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das persoas beneficiarias e, en aquelas operacións nas que a achega privada sexa só do 20%, achegarase o cofinanciamento do 10% mediante fondos propios da Comunidade Autónoma. En particular:
Obxectivo Político ou Obxectivo específico do FTX (JSO8.1): Facer posible que as rexións e as persoas afronten as repercusións sociais, laborais, económicas e ambientais da transición cara os obxectivos da Unión para 2030 en materia de enerxía e clima e unha economía da Unión climaticamente neutra de aquí a 2050, con arranxo ao Acordo de París.
Prioridade P2: A Coruña.
Ámbito de intervención: 036. TIC: Outros tipos de infraestruturas de TIC (incluídos recursos/equipos informáticos a gran escala, centros de datos, sensores e outros equipos sen fíos).
Actuación C04: Fomento da investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I), a integración das TIC e a transformación dixital.
- Incentivos a fondo perdido para a creación de Centros Dixitais de desenvolvemento de sistemas, monitorización, control, comando de operacións.
Beneficiarios potenciais
1. As grandes empresas e as pemes, segundo a definición establecida pola Comisión Europea, que adopten a forma xurídica de Sociedade Limitada ou Sociedade Anónima, preexistentes, ou que se constitúan especificamente para a explotación do Centro Dixital proposto.
Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura (centro dixital) subvencionable na provincia da Coruña.
b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, un 20% para proxectos da tipoloxía 2 e un 25% para proxectos da tipoloxía 1, dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Na contribución financeira mínima do 20% esixible nos proxectos de tipoloxía 2 non procede computar a estes efectos os activos aos que se refire o artigo 8.1.b) destas bases.
No caso de grandes empresas, deben ademais cumprir os seguintes requisitos:
a) Creación mínima de 5 empregos directos (non se contabilizan os da fase de construción).
b) Ratio máxima de 80.000 € de axuda pública por emprego creado.
c) Mantemento do nivel de emprego creado máis o cadro de persoal existente (atendendo ao promedio nos doce meses anteriores), durante un mínimo de 5 anos.
d) Incorporará algunha actuación significativa en relación co calquera das tipoloxías seguintes:
• Actuación de descarbonización e/ou redución do consumo de enerxía primaria e/ou redución da contaminación.
• Actuación de economía circular e/ou minimización do uso de materias primas e/ou reciclaxe e valorización de residuos, en particular no reciclado de equipos de enerxías renovables.
• Actuación de conservación ou mellora do estado ecolóxico das masas de auga ou conservación da natureza e protección da biodiversidade.
• Actuacións de innovación nestes ámbitos.
e) Realizarase unha análise de pegada de carbono de todo o ciclo completo do proxecto.
f) Minimizará o volume de auga e outros recursos naturais utilizados no proceso e realizarase un control das augas residuais resultantes.
g) Cando as novas instalacións estean suxeitas a Avaliación Ambiental Integrada localizaranse preferentemente fóra da Rede Natura 2000.
h) Se se constrúen ou rehabilitan edificios ou naves industriais farase con criterios de eficiencia enerxética de acordo co establecido no Anexo I (ámbito de intervención 040) do Regulamento de Disposicións Comúns .
i) Minimizarase a afección a elementos do patrimonio histórico, cultural, arqueolóxico e etnográfico. Se existise afección, avaliarase de acordo á normativa de aplicación.
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas pertencentes aos sectores da pesca, a acuicultura e a produción agrícola primaria.
b) As empresas do sector do aceiro, lignito e carbón, do sector do transporte e a produción, almacenamento, transporte, distribución e as infraestruturas de enerxía.
c) Os investimentos relacionados coa produción, transformación, transporte, distribución, almacenamento ou combustión de combustibles fósiles.
d) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
e) As empresas en crise.
f) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
g) As empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros.
Co fin de facilitar o acceso á axuda á empresa, permitirase que a mesma poida constituírse tras a presentación da solicitude de axuda, antes da resolución definitiva de concesión, tal e como se describe no artigo 7.
Requisitos principais do proxecto
1. Serán subvencionables os proxectos de creación de Centros Dixitais na provincia da Coruña que contribúan a nivel empresarial ou local a mellorar a dixitalización dos procesos empresariais distribuídos, o entorno das empresas e os consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial:
- Centros dixitalizados para control, xestión, monitorización, vixilancia, telemetría ou telecomando (remoto) de activos, infraestruturas, instalacións ou sistemas.
- Centros dixitalizados para simulación, control, seguimento de activos e operacións (persoas, vehículos, flotas, loxística, ...).
- Centros dixitalizados para almacenamento de datos e accesibilidade aos mesmos.
- Calquera outro centro dixitalizado que outorgue capacidades remotas de conectividade, coordinación, seguimento, monitorización ou control de activos.
O investimento subvencionable por cada proxecto será como mínimo 200.000 € e como máximo 4.000.000 €.
Deben axustarse a algunha das seguintes tipoloxías:
Tipoloxía 1. Centro dixital privado
O Centro Dixital deberá implantarse na provincia da Coruña e deberá ser promovido e explotado por calquera empresa para a centralización de datos propios ou a monitorización, xestión, vixilancia, comando, control, etc. de xeito remoto, dos seus activos, infraestruturas, vehículos ou instalacións.
Tipoloxía 2. Centro dixital aberto e compartido
O Centro Dixital deberá implantarse na provincia da Coruña e deberá ser promovido e explotado por unha empresa galega, para facilitar o desenvolvemento e uso de sistemas de centralización de datos ou sistemas de monitorización, xestión, vixilancia, comando, control, etc. de xeito remoto, de activos, infraestruturas, vehículos ou instalacións; destinado de xeito aberto a que sexan utilizadas por terceiros para ás súas necesidades e aplicación.
Neste caso, os Centros Dixitais creados deberán cumprir as seguintes condicións:
a) Estarán a disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo uso ou venda das infraestruturas será prezo de mercado.
b) Deberán permitir a utilización por parte dos seus destinatarios mediante unha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice. Non se axustarán a esta tipoloxía os proxectos nos que a persoa solicitante ou un terceiro utilice de xeito exclusivo ou moi maioritario a infraestrutura para si ou para a execución propia de proxectos para terceiros. Para os efectos destas bases considerarase utilización moi maioritaria por parte dun terceiro á que supere o 60% da facturación da infraestrutura.
c) A concesión ou outro tipo de atribución a terceiros para explotar o Centro realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, tendo debidamente en conta as normas de contratación pública aplicables.
d) Deberán prestar servizos dixitais que non estean dispoñibles localmente no momento da solicitude, ou servizos cuxa oferta local non se axuste ás necesidades das empresas.
- Non serán subvencionables os proxectos de desenvolvemento de infraestruturas de investigación, de agrupacións empresariais innovadoras, sistemas urbanos de calefacción e refrixeración enerxeticamente eficientes, infraestruturas de enerxía, reciclado e reutilización de residuos, infraestruturas de banda ancha, cultura e conservación do patrimonio, infraestruturas deportivas e recreativas multifuncionais, aeroportos e portos.
- Todos os proxectos financiados ao amparo destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente (principio DNSH).
Cualificación requerida do proxecto
O órgano avaliador considerará unicamente as solicitudes que acadaran 40 puntos no caso de peme e 60 puntos no caso de gran empresa, e elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.
Investimentos ou gastos computables
1. Serán subvencionables os investimentos en activos fixos que correspondan de forma indubitable á infraestrutura (Centro Dixital) subvencionada, e que se materialicen nos seguintes conceptos:
a) Obra civil: acondicionamento e urbanización, oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto, levadas a cabo en terreos propiedade da persoa solicitante, ou sobre os que a persoa solicitante teña un dereito de superficie, concesión administrativa ou dereito de explotación similar cunha vixencia mínima de 5 anos, contados desde a data de posta en marcha da infraestrutura.
b) Adquisición de terreos, edificacións ou construcións por un importe que non exceda do 10% do investimento total subvencionable. Poderá superarse esta porcentaxe no caso de que a operación consista, atendendo ao seu obxecto e finalidade, na adquisición de edificacións xa existentes para ser rehabilitadas ou postas a punto para un novo propósito, de modo que o terreo no que estas se asentan non constitúa o elemento principal da adquisición. Considerarase que o terreo constitúe o elemento principal da adquisición cando o valor de mercado do solo exceda do valor de mercado da edificación no momento da compra.
c) Bens de equipo: máquinas, equipamento e sistemas TIC, instalacións específicas necesarias, equipos e medios de transporte interno, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento necesarios para a creación do Centro Dixitalizado.
d) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.
e) Activos intanxibles relacionados directamente co centro dixital que cumpran os seguintes requisitos:
1º Empregaranse exclusivamente no centro beneficiario da axuda.
2º Deben ter a consideración de activos amortizables.
3º Deberán ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador en condicións de mercado.
4º Figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos no caso de peme e de 5 anos no caso de gran empresa.
f) Os custos de reformas de instalacións levadas a cabo en bens inmobles arrendados e sempre que o arrendamento teña unha vixencia mínima de 5 anos a contar desde a data de posta en marcha da infraestrutura.
En calquera caso, non se considerarán subvencionables bens suntuarios ou que teñan un custo moi superior a outros similares que cumpran a mesma funcionalidade.
2. Tamén serán subvencionables os investimentos necesarios para a xestión dos activos remotos: sensores, captadores, actuadores, ou outros sistemas necesarios para realizar a xestión remota dos activos dos que se trate.
3. Os bens de equipo adquiridos deberán ser novos.
4. A suma dos investimentos correspondentes aos epígrafes a), b) e f) anteriores, non poderán superar o 70% do investimento total subvencionable.
5. O investimento subvencionable mínimo establécese en 200.000 €.
6. Os investimentos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.
Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. (contrato ou oferta asinado entre as partes, ou a existencia dun pedido).
Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.
7. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.
8. A persoa beneficiaria deberá adquirir os bens obxecto de investimento en propiedade.
No caso de adquirilos mediante fórmulas de pagamento aprazado, os bens deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto.
9. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros e en ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas do Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
10. Cando o importe subvencionable dos elementos que se van adquirir a un mesmo provedor supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra) a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os requisitos indicados no artigo 5.10 das bases
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerarse subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.
11. Cando se dean as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, a entidade beneficiaria deberá cumprir co disposto para os contratos subvencionados.
12. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa preexistente, os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
Contía das axudas
1. Co límite de 1.400.000 € de axuda por proxecto presentado na tipoloxía 1 e de 3.200.000€ na tipoloxía 2, os importes de axuda serán os seguintes:
Tipoloxía 1.
O importe da axuda será do 15% o 25% ou 35% do investimento subvencionable, segundo o promotor sexa grande, mediana ou pequena empresa, respectivamente.
Tipoloxía 2.
O importe da axuda será do 70% ou 80% segundo o promotor sexa gran empresa ou peme, calculado sobre a diferenza entre os investimentos subvencionables e o beneficio de explotación ao longo do período de explotación do negocio definido no punto 4 deste artigo.
2. Entenderase como “beneficio de explotación” para os efectos destas axudas a diferenza entre os ingresos actualizados e os custos de explotación actualizados mentres dure o investimento de que se trate. Para o cálculo utilizarase unha taxa de desconto do 4%. Se esta diferencia é negativa ou cero, o “beneficio de explotación” será nulo.
3. Entenderase como “custos de explotación” para os efectos destas axudas os custos de persoal, materiais, servizos contratados, comunicacións, enerxía, mantemento, alugueres ou administración, excluíndo os gastos de amortización e os custos de financiamento se se cubriron mediante axudas ao investimento (incluída, pero non limitada á presente axuda). En particular, serán considerados custos de explotación:
a) O importe dos seguros que se establecen como obrigatorios no artigo 17.b) destas bases.
b) A amortización correspondente á substitución do investimento subvencionable debido á obsolescencia ou avaría.
c) A amortización correspondente ao reforzo e mellora da infraestrutura, sempre que non se financie mediante axudas ao investimento.
4. A axuda concederase en base ao plan de viabilidade que presente a persoa solicitante (segundo o modelo incluído no formulario electrónico de solicitude). O plan de viabilidade referirase a un período de 10 anos desde a posta en marcha da infraestrutura. Se o período de amortización da infraestrutura fose superior aos 10 anos, o valor residual dos activos subvencionados deberá terse en conta para o cálculo do beneficio de explotación, mediante o cálculo do valor neto actual dos fluxos de efectivo nos anos de vida útil restantes do investimento.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de un mes contado dende as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo de un mes.
Incompatibilidades
1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos.
2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado.
Referencia lexislativa
Resolución do 2 de outubro de 2024 (DOG Nº198 do 14/10/2024) - Bases reguladoras
Información e tramitación
*Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]
*Tramitación:
1. A solicitude poderá presentala a empresa de xeito individual ou ben formar, previamente á presentación da solicitude, unha agrupación de persoas físicas e/ou xurídicas, que se comprometan a constituír unha nova sociedade que finalmente será a beneficiaria. Se ben se permite que solicite a axuda esta agrupación, a condición de beneficiario enténdese referida á sociedade que debe constituírse antes da resolución definitiva da axuda, a cal establecerá como beneficiaria á sociedade e non á agrupación nin aos seus membros.
No caso de optar por formar unha agrupación, deberanse facer constar expresamente nun documento ante notario os compromisos de constitución da nova sociedade e de achega económica á mesma por parte de cada un dos membros da agrupación.
2. Para presentar a solicitude, a persoa representante da empresa individual ou o líder da agrupación, deberá cubrir un formulario electrónico a través da aplicación establecida en https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
3. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos.
* As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto e do investimento proxectado, que se cubrirá no propio formulario electrónico de solicitude, no formato proposto pola aplicación.
b) Se é o caso, memoria dos activos que se achegan á sociedade para o funcionamento do Centro Dixital valorados por experto independente, indicando para cada elemento a data de adquisición ou incorporación, valor ou custo de adquisición e importe da amortización acumulada á data de incorporación á sociedade.
c) As tres ofertas que debe solicitar a persoa interesada, para os investimentos do proxecto de infraestrutura.
d) No caso de investimento en obra civil deberán achegar os seguintes planos:
1º) Esbozo de localización dentro do termo municipal.
2º) Plano xeral acoutado das instalacións, no que se diferencie a situación inicial da posterior ao investimento.
3º) Planos de distribución en planta, nos que se aprecien os espazos da nova construción e a instalación dos novos bens de equipo.
e) No caso de reforma en inmobles arrendados, ademais da documentación da letra d) das bases, a persoa solicitante deberá presentar o contrato de arrendamento do inmoble, cunha duración mínima de 5 anos a contar desde a data prevista de posta en marcha da infraestrutura.
f) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa.
g) No caso de que presente a solicitude o líder dunha agrupación:
1º Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da sociedade que se vai constituír.
2º Proxecto de estatutos da sociedade que se vai constituír.
3º Documento de constitución da agrupación.
4º Anexo II de comprobación de datos cuberto por cada un dos membros da agrupación.
h) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará do seguinte xeito, de acordo co Anexo VI das bases:
i. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante declaración responsable.
ii. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.
i) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao medio ambiente (principio “do no significant harm” – DNSH), segundo o Anexo V das bases.
j) Documentación que acredite a defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, desde a planificación inicial, tendo en conta as Orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 e as instrucións que desenvolva ao efecto a Autoridade de Xestión dos Programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021-2027. Con todo, se a empresa solicitante non dispón aínda en fase de solicitude dun proxecto suficientemente definido que permita integrar a dita análise nesta fase inicial, poderá presentar a dita documentación en fase de xustificación.
Observacións
O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que poida exceder do 30 de xuño de 2027.
O prazo para presentar a solicitude de cobramento será de un mes desde a finalización do prazo de execución fixado na resolución de concesión.
O prazo para solicitar anticipos será ata o 10 de decembro na anualidade 2024, ata o 15 de outubro de cada ano para os gastos das anualidades 2025 e 2026 e ata o 15 de marzo de 2027 para os gastos da anualidade 2027.
O prazo para xustificar os gastos incorridos no 2024 abranguerá ata o 20 decembro para aqueles beneficiarios que non soliciten anticipo e ata o 31 de xaneiro de 2025 para os beneficiarios que teñan solicitado o anticipo. O prazo para xustificar os gastos incorridos no 2025 rematará o 30 de outubro de 2025. O prazo para xustificar os gastos incorridos no 2026 rematará o 30 de outubro de 2026 e o prazo para xustificar os gastos incorridos no 2027 rematará o 30 de xullo de 2027.