IG301 - AXUDAS AOS INVESTIMENTOS EN EQUIPAMENTO EN GALICIA (2024)

Finalidad / Objetivo

Apoiar á empresa galega nos custos de investimentos en equipamentos subvencionando sobre o volume de investimento en maquinaria, bens de equipamento ou sistemas informáticos.

Tipos de apoyo

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva.
Réxime de minimis.

A presente convocatoria finánciase mediante Fondos Propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Beneficiarios potenciales

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as empresas galegas (autónomos ou entidades con personalidade xurídica) ou cun centro de traballo en Galicia, que realicen calquera actividade económica coa excepción das actividades excluídas pola normativa aplicable (Regulamento (UE) 2023/2831 – Regulamento de minimis):
• A produción primaria de produtos da pesca e da acuicultura.
• A produción primaria de produtos agrícolas e gandeiros.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

c) As empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Esta circunstancia acreditarase no momento da solicitude mediante declaración responsable da persoa solicitante, sen prexuízo de que as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada deberán acreditar antes do 10 de decembro de 2024 o cumprimento dos prazos legais de pago mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

d) As empresas que no momento da resolución da axuda non se atopen ao corrente de débedas coas distintas administracións: AEAT, Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública.

Sectores incentivables

Calquera actividade económica coa excepción das actividades excluídas pola normativa aplicable (Regulamento (UE) 2023/2831 – Regulamento de minimis):

• A produción primaria de produtos da pesca e da acuicultura.
• A produción primaria de produtos agrícolas e gandeiros.

Inversiones o gastos computables

1. Conceptos subvencionables:

Investimento en activos fixos tanxibles e intanxibles nos que incorra a empresa dende o 1 de xaneiro de 2024 e anteriores á data de solicitude, podendo tamén incluír investimentos a realizar con posterioridade á data de solicitude, ata o 10 de decembro de 2024.

- Compra de maquinaria ou bens de equipo.
- Programas de implantación de solucións tecnolóxicas (software e hardware).

2. Condicións:

O importe mínimo de custo subvencionable total deberá acadar 40.000 €.

Os investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais, deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria e deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos apartados 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Non serán subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.

Cuantía de las ayudas

Concederase unha axuda do 40% ata un máximo de 300.000 € para os custos subvencionables incorridos pola empresa durante o período subvencionable, que abarca dende o 1 de xaneiro de 2024 ata o remate das actuacións propostas, que non deberá sobrepasar en ningún caso o 10 de decembro de 2024.

Plazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 7 de agosto de 2024, ás 9.00 horas, e rematará o 10 de outubro de 2024, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

1. As axudas concedidas ao abeiro das presentes bases serán compatibles con calquera outra axuda, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado sempre que a intensidade de axuda acumulada non supere o importe da actuación.

2. Estas axudas son incompatibles con calquera outra subvención a fondo perdido do Igape para os mesmos investimentos.

3. Ao estar as axudas suxeitas ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos ao da concesión da axuda.

Referencia legislativa

Resolución do 29 de xullo de 2024 (DOG Nº146 do 30/07/2024) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 14 de outubro de 2024 (DOG Nº203 do 21/10/2024) - Ampliación de crédito
Resolución do 2 de decembro de 2024 (DOG Nº238 do 11/12/2024) - Esgotamento de crédito

Información y tramitación

• Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

* Tramitación:

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual.

Cada empresa, por cada centro de traballo, só poderá presentar unha solicitude de axuda.

2. Solicitude: a solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou persoa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento deberá estar asinado electronicamente por cada un dos autorizantes.

As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

1. Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

2. Para investimentos e gastos realizados antes da data de solicitude de axuda:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente.

b) Documentación xustificativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

c) Fotografías dos investimentos realizados instalados no establecemento.

3. Para investimentos proxectados para executar con posterioridade á data de solicitude e ata o 10 de decembro de 2024:

a) Listaxe completa dos gastos e investimentos previstos, que se deberá cubrir no formulario de solicitude.

b) As tres ofertas que deba ter solicitado a persoa beneficiaria, de acordo cos seguintes requirimentos:
Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables proxectados superen as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 €), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os fornezan.

Observaciones

O prazo máximo de execución e xustificación rematará o 10 de decembro de 2024.

Cando tódolos investimentos sexan anteriores á data de solicitude de axuda resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento no número de conta indicado na solicitude, unha vez comprobada a xustificación dos investimentos realizados, presentada coa solicitude.

Cando os investimentos previstos non estean realizado ou rematados á data de solicitude, resolverase a concesión de axuda e o anticipo do 100% da axuda unha vez comprobado o cumprimento de todos os requisitos establecidos nas presentes bases para o seu pagamento.

Neste caso, a persoa beneficiaria disporá ata o 10 de decembro de 2024 para presentar toda a documentación xustificativa dos gastos e investimentos subvencionados.