A Xunta abre o prazo de solicitude para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais

Luns, 02 Xaneiro 2023 20:55
  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a nova convocatoria, dotada con 2,1 millóns de euros para que os concellos poidan impulsar a competitividade dos seus polígonos.
  • As axudas son de concorrencia competitiva -tendo prioridade os Concellos Emprendedores- e terán unha intensidade do 80 % para mellora de iluminación, depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias ou instalacións de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos de subministración de gas ou hidróxeno verde.
  • Estes apoios súmanse aos 3,5 M€ dirixidos á posta en marcha de novos viveiros industriais e de reforzo nas redes de distribución eléctrica dos parques empresariais.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria de axudas para a mellora de infraestruturas dos parques empresariais galegos, á que a Xunta destina un total de 2,1 M€. Esta liña, cuxo prazo de solicitude comeza mañá e permanecerá aberto durante un mes, ten como obxectivo dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións co obxectivo de modernizalas e ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías, así como promover o emprego local.

Os apoios son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

As axudas teñen unha intensidade do 80 % ata un límite máximo de 120.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25 % da axuda concedida. Na selección de proxectos teranse en conta criterios como se é Concello Emprendedor.

Esta liña contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia, polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.

Xunto con estas axudas, o Goberno galego seguirá executando en 2023 os apoios concedidos a maiores -por importe de 3,5 M€- para a posta en marcha de sete viveiros industriais e para o reforzo e extensión das redes de distribución de tres polígonos.

 

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis