- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Muxía na inauguración da XII Semana Internacional Contract Galicia, que reúne a empresas do ramo e prescritores para compartir as tendencias e oportunidades de negocio en torno a esta canle de distribución de produtos e servizos
- Máis de 100 empresas galegas forman parte do sector, cunha facturación conxunta de arredor de 1.000 millóns de euros, e avalado por máis de 10.000 proxectos en 600 cidades de todo o mundo
Sigue a xornada da XII Semana Internacional Contract Galicia neste enlace. |
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe en Muxía, na inauguración da XII Semana Internacional Contract, que a Xunta destinará máis de 20 millóns de euros en 2023 a colaborar co tecido empresarial galego para manter o mellor ciclo exportador da súa historia.
Esta aposta enmárcase na Estratexia de Internacionalización de Galicia para o período 2021-2025, unha folla de ruta coa que facilitar a saída ao exterior das pemes da Comunidade apostando pola dixitalización e a diversificación de mercados, na que se inclúen iniciativas como Galicia Exporta, o Foexga, o programa de xestores de internacionalización, ou as antenas comerciais.
Tal e como apuntou o vicepresidente económico da Xunta, Galicia é un referente internacional no contract, unha canle de distribución de produtos e servizos que se basea na cooperación empresarial. Hoxe máis de 100 empresas galegas de eidos como a construción, a arquitectura, o interiorismo, a iluminación, a carpintería metálica, a madeira ou o audiovisual participan nesta canle, cunha facturación conxunta de arredor de 1.000 millóns de euros, con máis de 10.000 proxectos construtivos realizados en 600 cidades de todo o mundo. Entre os clientes que depositan a súa confianza no contract galego atópanse cadeas hoteleiras como Hilton, Four Seasons ou NH; Inditex, Hugo Boss, Carolina Herrera, Dior, Chanel ou Adidas, no eido do retail; ou grandes multinacionais como Banco Santander, Samsung ou KPMG.
Na súa intervención, Conde reiterou o compromiso da Xunta coa canle contract, que, tal e como subliñou, contribúe a expandir a Marca Galicia grazas ao traballo e ao talento de compañías que continúan buscando a fórmula para ofrecer cada vez unha maior calidade e fiabilidade aos clientes. O responsable de Economía, Industria e Innovación salientou que a Administración autonómica seguirá apoiando ao contract galego tanto desde o punto de vista das axudas para a internacionalización, como desde accións que melloren a visibilidade, formación e posicionamento. Neste sentido, avogou por afondar en novas oportunidades para favorecer a diversificación do sector, a través de mercados como pode ser o refit naval.