- O director do Igape, Fernando Guldrís, salienta no Parlamento que o Goberno galego destina máis de 135M€ a dar resposta ás necesidades financeiras de pemes e autónomos no “complexo escenario actual”, reforzando o capital e os fondos propios, facilitando acceso a instrumentos de débeda e ofertando garantías na obtención de crédito
- No eido do capital púxose en marcha a Liña de Transformación, que combina financiamento e consultoría estratéxica mobilizando 90M€, e artelláronse acordos con xestoras privadas de fondos de capital risco nacionais que permiten destinar 11M€ a startups innovadoras en fases iniciais e 30M€ a empresas industriais consolidadas
- Achéganse préstamos parcialmente reembolsables que combinan financiamento e axudas directas; préstamos para investimentos estratéxicos consistentes na creación de novas instalacións e na mellora das existentes; e préstamos para financiar aquelas industrias afectadas polo incremento de prezos como consecuencia da invasión rusa de Ucraína
- Está en marcha unha nova convocatoria dos IFI Innova, préstamos dirixidos a proxectos innovadores de pemes
O director do Igape, Fernando Guldrís, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para informar sobre a Axenda Financeira 2022 que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación activou este ano na procura de dar resposta ás necesidades de financiamento do tecido empresarial galego. Unha Axenda, expuxo, que ofrece un “amplo abano” de posibilidades ao tecido empresarial na procura de reactivar a economía e mellorar a competitividade de pemes e autónomos galegos, e que está a mobilizar arredor de 400M€.
“Coa Axenda Financeira propiciamos investimentos directos para reforzar o ámbito financeiro das empresas galegas, e contribuímos á reactivación da nosa economía e á mellora da competitividade do tecido empresarial”, incidiu Guldrís. Neste marco, detallou as distintas medidas que comprende a Axenda, que se engloban en tres liñas de actuación: o reforzo do capital e os fondos propios das empresas; o acceso a instrumentos de débeda; e a oferta de garantías para facilitar a obtención de crédito.
Así, no eido do capital, púxose en marcha o programa de Transformación Empresarial. Cun orzamento de 30 millóns, a liña combina financiamento e consultaría estratéxica incidindo no impulso de proxectos de internacionalización e no reforzo da competitividade a través da dixitalización e a innovación, o financiamento de proxectos de integración, a mellora de produtos e procesos, a profesionalización de equipos directivos e a reestruturación das sociedades.
Ademais, durante este ano téñense artellado diferentes acordos con xestoras privadas de fondos de capital risco nacionais que permitiron destinar 11M€ a startups innovadoras en fases iniciais e 30M€ a empresas industriais consolidadas.
Instrumentos de débeda
En segundo lugar, o director do Igape salientou que a Axenda Financeira incorpora distintos tipos de préstamos para afrontar as posibles débedas do tecido empresarial galego. Así, contémplanse préstamos para investimentos estratéxicos consistentes na creación de novas instalacións e na mellora das existentes, ou no incremento de capacidade produtiva. Cun tipo de xuro con bonificacións de ata o 1,5% con respecto ao de mercado, estes préstamos teñen unha duración de ata doce anos coa posibilidade de incluír un de carencia.
Así mesmo, incorporáronse préstamos para financiar aquelas industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións. E unano máis activáronse os IFI Innova, préstamos aos que se destinaron máis de 5M€ en exercicios anteriores desde a súa posta en marcha e que facilitan proxectos innovadores de pemes.
“E todo isto sen esquecer os préstamos parcialmente reembolsables que combinan endebedamento e axudas directas para acometer o investimento. Unha opción que, ademais, se conxuga coa simplificación administrativa, ao poder facerse todo nun único expediente”, detallou Guldrís.
Concesión de garantías
O director do Igape referiuse tamén á terceira liña de actuación da Axenda Financeira, orientada á concesión de garantías, onde destacan os programas de avais e de reavais do Igape. O primeiro conta con preto de 4 millóns para cubrir ata o 70% do risco da operación de financiamento á que se desexe acceder.
No caso dos reavais, en colaboración coas sociedades de garantía recíproca, destínanse máis de 10 millóns de euros a garantías para acceder a capital circulante, a investimentos empresariais ou a operacións de tráfico nacional ou internacional. Neste campo, cómpre salientar unha liña específica de avais activada para atender ás empresas afectadas pola invasión rusa de Ucraína.
O traballo xa feito
“A Axenda Financeira 2022 supón un decidido esforzo de adaptación ao escenario actual na nosa continua aposta por facilitar o financiamento do tecido empresarial galego”, proseguiu Guldrís, que durante a súa intervención puxo en valor o traballo levado a cabo estes anos polo Igape en materia de financiamento.
Así, resaltou, no último lustro reavaláronse operacións por máis de 40M€, impulsouse unha liña específica de préstamos IFI Covid que sumou máis de 8 millóns, fomentáronse investimentos estratéxicos por valor de case 16M€; ou facilitáronse préstamos directos por outros 30millóns
“E como indicador máis recente, poderíamos salientar o volume de operacións autorizadas nos primeiros tres trimestres do ano 2022 por parte de XesGalicia: máis de 3,4M€ comprometidos para o capital de empresas galegas cun compoñente altamente innovador; e máis de 11M€ para instrumentos de débeda, especialmente dirixida a empresas industriais con alto impacto en termos de emprego”, apuntou Guldrís.