Conde destaca o apoio que presta o programa Galicia Exporta Dixital ás pemes galegas á hora de captar novos clientes a nivel internacional

Mércores, 10 Agosto 2022 15:03
  • Grazas a esta liña de axudas da Xunta de Galicia, Raz SurfCamp puido reforzar o seu posicionamento web para chegar a outros paises
  • Nas edicións xa celebradas deste programa do Igape, son 12,4 M€ os que leva destinado a apoiar 357 proxectos de empresas
  • Na provincia da Coruña beneficiáronse destes apoios 119 pemes e autónomos cun investimento que ascende a 4,2 M€
  • Un 37% das empresas galegas e case o 50% das exportacións en Galicia se realizan desde a provincia da Coruña
  • Galicia segue en cifras récord de exportacións, con 10.372 M€ ata maio, un 22,6% máis que no mesmo período de 2021

 

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe o apoio que presta o programa Galicia Exporta Dixital ás pemes galegas á hora de captar novos clientes a nivel internacional.

 

Conde visitou hoxe na praia de Razo, en Carballo (A Coruña), as instalacións de Raz SurfCamp que, grazas a esta liña de axudas da Xunta de Galicia, puido reforzar o seu posicionamento web para abrirse ao mercado internacional. “Unha pequena empresa que sabe que a través das novas tecnoloxías e da internacionalización pode crecer e consolidar o seu proxecto” dixo, que xa alcanza países como Francia, Reino Unido ou Italia, “facendo de Razo, Carballo e Galicia un referente no mundo do surf”.

 

Co programa Galicia Exporta Dixital, a Xunta de Galicia quere axudar as pemes e autónomos galegos na súa expansión internacional a través das novas canles de comercialización dixital. Nas edicións xa celebradas deste programa do Igape, son 12,4 M€ os que leva destinado a apoiar 357 proxectos de empresas como Raz SurfCamp.

 

Na provincia da Coruña beneficiáronse desta liña de axudas 119 pemes e autónomos cun investimento que ascende a 4,2 M€. E, concretamente, no concello de Carballo son dúas

as empresas que se acolleron a estes apoios por valor de máis de 40.000 euros en total. Ademais de Raz SurfCamp, tamén se beneficiou destas axudas Cafés Lúa, para introducirse no mercado portugués.

 

Conde afirmou que as pemes e autónomos galegos son cada vez máis conscientes do potencial que teñen as novas tecnoloxías e o comercio online para poder abrirse mercado noutros países. E puxo como proba os datos exportacións, posto que Galicia segue en cifras de récord con 10.372 M€, un 22,6% máis que no mesmo período de 2021. Un 37% das empresas galegas e case o 50% das exportacións se realizan desde a provincia da Coruña, con 2.051 empresas exportadoras no que vai de ano e 5.730 M€ en vendas ao exterior, un 56,6% máis que ata maio de 2021.

  • O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia a creación dunha área específica de innovación dotada con mais de 60 M€ para fortalecer o tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta reforza o seu compromiso co emprendemento innovador como “chave do futuro económico de Galicia”
    Ler máis