A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo

Mércores, 18 Decembro 2024 20:57
  • Lorenzana destaca o papel da oficina que funciona coma un canal único de atención especializada para as empresas e a industria
  • Pola súa banda, José González valora positivamente o establecemento dun modelo regulatorio que dote de uniformidade os procedementos de posta en marcha de actividades comerciais sempre e cando se respecten a singularidades das CC.AA. e dos concellos
  • Os titulares de Economía e Comercio da Xunta volveron reclamar ao Goberno central unha política económica que favoreza a atracción de investimentos e o asentamento de empresas, piares do crecemento dun país

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participaron esta tarde por videoconferencia na Conferencia Sectorial para la Mejora Regulatoria y el Clima de Negocios. Unha xuntanza na que os representantes da Xunta volveron insistir nos importantes avances en materia de desburocratización, axilización e simplificación administrativa que está levando a cabo o Goberno galego para acompañar ás empresas.

Neste marco, a titular de Economía e Industria, destacou a creación da Oficina Económica de Galicia que depende do Igape, e a figura dos proxectos industriais estratéxicos, que se benefician dunha tramitación acelerada nun prazo máximo dun ano, permitindo así que as empresas desenvolvan as súas iniciativas dun xeito máis rápido e gañen en competitividade.

Segundo expuxo, a Oficina Económica de Galicia que tamén terá sede en Madrid -a primeira fóra da Comunidade- funciona coma un canal único para as empresas e a industria, e é o punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais, facilitando información, asesoramento e acompañamento. Desde a súa posta en marcha no mes de abril xa atendeu unhas 13.000 consultas.

Lorenzana explicou ademais que este servizo de atención especializada e próxima ás empresas permite a Galicia posicionarse como destino atractivo e diferenciado para o investimento, atraer e facilitar a implantación de novos negocios, seleccionar e captar os investimentos que complementen as cadeas de valor, e favorecer o mantemento e ampliación dos investimentos que xa existen na Comunidade.

Ordenanza tipo de comercio minorista

Pola outra banda, no marco da conferencia sectorial de hoxe, abordouse tamén a aprobación dunha ordenanza tipo de comercio minorista, que ten como obxectivo establecer un procedemento uniforme en todos os concellos —actualizando o modelo de 2013— relativo á supresión das licenzas municipais vinculadas á apertura dos establecementos comerciais permanentes de menos de 750 m², substituíndooas por outros medios de control máis áxiles, como as declaracións responsables.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, valorou positivamente o establecemento dun modelo regulatorio que dote de uniformidade os procedementos de posta en marcha de actividades comerciais, sempre e cando, remarcou, se respecten as singularidades das diferentes comunidades autónomas e concellos.

Nesta liña, destacou que a redución de trabas burocráticas é unha liña prioritaria pola que vén apostando de xeito estratéxico o Goberno galego e que constitúe un elemento clave para favorecer que máis emprendedores se animen a abrir os seus negocios, o que redunda, remarcou, na xeración de riqueza e emprego. Ademais, indicou que o impulso ao comercio en Galicia é unha prioridade para a Xunta, polo que no primeiro trimestre do ano que vén está previsto aprobar o Plan estratéxico do comercio 2025-2030.

Finalmente, os titulares de Economía e Comercio da Xunta reclamaron unha vez máis ao Goberno central que desenvolva unha política económica centrada no tecido produtivo, que favoreza a atracción de novos investimentos e o asentamento de empresas, piares fundamentais para o crecemento dun país.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis