A Xunta pon en valor a innovación, a resiliencia e a aposta pola calidade como claves do éxito empresarial

Mércores, 11 Decembro 2024 20:34
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa no acto homenaxe ás empresas que compren 25 anos na Asociación Área Empresarial do Tambre, á que sitúa como “exemplo” de como a colaboración entre empresas, asociacións e administracións pode transformar un territorio
  • Subliña a relevancia da colaboración público-privada para fomentar a innovación e fortalecer o talento, impulsar a internacionalización, e facilitar o acceso ao financiamento
  • A directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López García, que interveu en nome dos galardoados, destaca a solidariedade e o traballo conxunto como unha das fortalezas do tecido empresarial, comercial e social galego

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2024

A  directora do Igape, Covadonga Toca, e a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López García, participaron hoxe no acto organizado pola Asociación Área Empresarial do Tambre para homenaxear a nove compañías que celebran 25 anos de actividade no Polígono do Tambre, entre as que está a propia axencia de doazón. Durante a súa intervención, Toca destacou a importancia de valores como “a innovación, a resiliencia e a aposta pola calidade como claves para o éxito empresarial e o desenvolvemento económico sustentable en Galicia”.

Covadonga Toca definiu o Polígono do Tambre como un exemplo de como a colaboración entre empresas, asociacións e administracións pode transformar un territorio, creando emprego e riqueza. “As case 600 empresas que operan aquí, xerando máis de 7.000 postos de traballo directos, son unha proba de que a unión de esforzos e visión pode facer realidade proxectos que fortalecen o tecido económico e social”, sinalou.

Neste marco, durante a súa intervención, a directora do Igape subliñou a importancia da cooperación público-privada como ferramenta para fomentar a innovación, fortalecer o talento e impulsar a internacionalización das empresas galegas. 

Toca resaltou o traballo desenvolvido desde a Xunta de Galicia para facilitar o acceso ao financiamento e acompañar as empresas no camiño cara á modernización tecnolóxica e a competitividade global. Ademais, fixo referencia á creación da Oficina Económica de Galicia, un punto de contacto único que ofrece unha “nova maneira de relacionarse coas empresas de forma máis próxima, áxil e eficiente”.

A directora do Igape tamén destacou o papel do Biopolo da Sionlla, como un dos principais nodos de coñecemento biotecnolóxico de Galicia. Este espazo, froito da colaboración público-privada, ofrece infraestruturas avanzadas para o desenvolvemento de proxectos innovadores, consolidando Santiago como un referente no sector biotecnolóxico.

Toca eloxiou o compromiso das empresas homenaxeadas, que, segundo ela, representan os mellores valores do tecido empresarial galego. “Hoxe recoñecemos o labor de compañías que apostaron pola innovación e a excelencia durante 25 anos, xerando emprego e riqueza para Galicia. Son un exemplo para as novas xeracións e un motivo de orgullo para todos nós”, declarou.

Un galardón para ADOS

Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS,) Marisa López García, foi a encargada de pronunciar unhas palabras en representación dos galardoados e salientou que o establecemento de sinerxías, o compromiso solidario e o desenvolvemento de liñas de traballo conxunto son unha das fortalezas do noso tecido empresarial, comercial e social.

Este compromiso solidario tense traducido, no caso da Axencia, nunhas cifras de doazón especialmente salientables no caso da cidade de Santiago de Compostela que, no pasado 2023, acadou un índice de 88 doazóns por cada 1.000 habitantes, a cifra máis elevada de entre as sete cidades galegas, con 8.686 doazóns de sangue.

Marisa López animou a todos os colectivos a continuar artellando unha rede de solidariedade e colaboración que redunde na consolidación dunha conciencia social favorable aos distintos xeitos de doazón"

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis