A Xunta defende a importancia da formación e o talento para a transformación e a mellora competitiva do tecido produtivo galego

Xoves, 31 Outubro 2024 16:37
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na inauguración da xornada Benvido Futuro: Proxectando Galicia, un encontro para abordar os desafíos e oportunidades do futuro empresarial galego que se desenvolve no marco do programa Capacita Directivos
  • Subliña que este programa suma xa dez edicións con máis de 19.000 directivos galegos beneficiados, tanto na mellora de coñecementos técnicos como no impulso das súas habilidades de liderado, xestión do cambio ou comunicación
  • Avoga pola público-privada para impulsar a modernización e fortalecer o crecemento, e pon en valor o papel da Oficina Económica de Galicia como nova forma de actuar co tecido empresarial

 

A Coruña, 31 de outubro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou hoxe o evento Benvido Futuro: Proxectando Galicia, un encontro para abordar os desafíos e oportunidades do futuro empresarial galego, que se desenvolve no marco do programa Capacita Directivos e no que salientou a importancia da formación e o talento na transformación e a mellora competitiva do tecido produtivo de Galicia. 

Durante a súa intervención, a directora do Igape destacou que este programa suma xa dez edicións con máis de 19.000 directivos galegos beneficiados. Unha iniciativa que, como explicou, busca non só mellorar coñecementos técnicos, senón tamén potenciar outro tipo de habilidades como o liderado, a xestión do cambio ou a comunicación.

A xornada de hoxe enmárcase no ciclo Competitividade e Crecemento Empresarial de Galicia, un escenario no que Toca Carús puxo en valor a importancia da innovación, a sustentabilidade e a dixitalización como eixes transformadores da economía galega. 

“Galicia ten a oportunidade de liderar a adopción de novas tecnoloxías e de crear un futuro sostible e próspero. O camiño cara ao éxito empresarial pasa pola colaboración entre os sectores público e privado, unha cooperación que impulsa a modernización e fortalece o noso potencial de crecemento”, subliñou a directora.

Para que esta cooperación sexa exitosa, proseguiu Toca Carús, “resulta fundamental apostar por un modelo máis sostible, que promova a transición dixital e que favoreza a innovación no noso tecido empresarial”. 

Toca Carús destacou tamén o papel da Oficina Económica de Galicia como nova forma de actuar co tecido empresarial, facilitando a xestión de proxectos empresariais mediante a centralización de recursos e a simplificación de trámites. Esta oficina, expuxo, foi creada para ser o único interlocutor do tecido empresarial galego contribuíndo a un entorno máis favorable para o desenvolvemento de novas iniciativas.

Esta mesma tarde, a directora ten prevista a participación nun encontro de traballo organizado por Rede Activa, asociación para o desenvolvemento profesional e social, co obxectivo de dar a coñecer as principais liñas de actuación do Igape, poñendo en valor unha vez máis a Oficina Económica como porta de entrada para facilitar ás empresas e ás persoas autónomas ou emprendedoras a implantación, posta en marcha e desenvolvemento das súas iniciativas empresariais en Galicia. 

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis