A Xunta aboga pola innovación e a desburocratización para mellorar a competitividade e abrir oportunidades de negocio ao tecido empresarial galego

Xoves, 17 Outubro 2024 16:19
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa en Gijón no XXIV Foro ADR onde pon en valor a aposta do Goberno galego por facilitar a innovación e a modernización a través de iniciativas como os Centros de Fabricación Avanzada, os Centros Dixitais ou a rede galega de business factories
  • Destaca a posta en marcha, este ano, da nova Oficina Económica de Galicia, que nos seus primeiros seis meses está a impulsar unha nova forma de conectar co tecido empresarial galego sumando xa máis de 8.000 consultas atendidas

 

Gijón, 17 de outubro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá no XXIV Foro ADR, organización que reúne ás Axencias de Desenvolvemento Rexional españolas, onde puxo en valor a aposta da Xunta de Galicia tanto pola innovación e a dixitalización como pola proximidade e simplificación dos trámites administrativos na procura de seguir a mellorar a competitividade do tecido empresarial galego abrindo novas oportunidades de negocio. 

Este foro, que se vén celebrando desde hai máis de dúas décadas, permite ás Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR) españolas integradas na Asociación Española de ADR, entre as que se encontra o Igape, traballar e concretar os seus modelos de futuro, optimizando os servizos e apoios que prestan as empresas e aos emprendedores.

Desta volta, as sesións de traballo centráronse, entre outros temas, na dixitalización, a economía circular ou o financiamento cara á innovación. Un marco no que Toca Carús presentou algunhas das prácticas que cada ano promove a Consellería de Economía e Industria a través do Igape.

Neste marco, a directora puxo en valor os Centros de Fabricación Avanzada, que están a permitir promover proxectos en sectores industriais diversos, como as TIC, o biotecnolóxico, o turismo ou o agroalimentario, liña que, como afondou, se complementa co programa de Centros Dixitais, que, vén de abrir unha nova convocatoria con 8M€ para mellorar a dixitalización do tecido empresarial e modernizar a industria galega a través de novos proxectos de creación deste tipo de infraestruturas.

Así mesmo, Toca Carús incidiu na importancia de apoiar a creación e aceleración de empresas innovadoras para diversificar o tecido empresarial e modernizar e dixitalizar os sectores máis tradicionais de Galicia.

Neste contexto, como explicou, o Goberno galego ten posto en marcha a aceleradora Galicia Avanza para a internacionalización das pemes; ou conta coa a rede galega de business factories que inclúe alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutico (BFAero), e a economía circular (Clima Tech).

Así mesmo, a directora referiuse tamén á posta en marcha, este ano, da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para promover a desburocratización, facilitando a entrada das empresas á administración, a información, o asesoramento e o acompañamento.

Nos seus primeiros seis meses de funcionamento, a Oficina está a impulsar unha nova forma de conectar co tecido empresarial galego sumando xa máis de 8.000 consultas atendidas. A través dela achégase un asesoramento personalizado e un plan individual de apoios ás empresas, ao tempo que se simplifica o camiño e se axilizan os trámites para a posta en marcha de proxectos empresarias en Galicia.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis