- A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo encontros de traballo con representantes de ACCIÓ- Axencia para a Competitividade da Empresa e coa Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña
Barcelona, 30 de setembro de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo hoxe un encontro de traballo en Barcelona con representantes de ACCIÓ - Axencia para a Competitividade da Empresa, no que puxo en valor a colaboración entre as axencias de desenvolvemento para fomentar a competitividade do tecido empresarial e destacou a importancia de crear redes de contactos entre empresas catalás e galegas para facilitar o comercio e a cooperación.
Durante esta reunión, abordáronse as distintas iniciativas que se están a desenvolver en Galicia e Cataluña mediante programas de apoio ao investimento, a innovación e a internacionalización, co obxectivo de promover o desenvolvemento económico e a competitividade das empresas.
Posteriormente, a directora do Igape tamén se reuniu coa Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (AEGA-CAT), onde salientou a importancia da cooperación público-privada para fortalecer a Marca Galicia e consolidar a internacionalización do tecido produtivo galego.
Neste sentido, Covadonga Toca destacou a importancia das AEGAS xa que desempeñan un papel crucial na promoción e o desenvolvemento da comunidade empresarial galega facilitando a creación de redes entre empresarios galegos no exterior, así como conexións con empresas locais, un papel que non só potencia a economía, senón que tamén fortalece os lazos entre a diáspora e a súa terra de orixe.
Así mesmo, trasladoulles as iniciativas que está a impulsar Galicia para favorecer o investimento, entre as que destacan a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, que funciona como unha canle única onde se centralizan todos os trámites entre a Administración autonómica e o tecido empresarial.
Desde a oficina, salientou “cada día atendemos dando información, temos reunións de asesoramento para a implantación de proxectos, escoitamos o que necesitan as empresas para achegar melloras e que as decisións sexan as máis acertadas, dando soporte e seguimento dos proxectos”.