- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na presentación da aceleradora Business Factory Climatech, especializada no sector ambiental
- Climatech, en colaboración co Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), está financiada nun 95% por fondos públicos e conta cun investimento de 6,3M€
- Trátase da primeira edición desta aceleradora, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro día 30 de setembro, que busca novas solucións tecnolóxicas en ámbitos como a economía circular e a descarbonización da industria
- Apunta que a rede de aceleradoras da Xunta leva apoiado xa máis de 830 proxectos
- Destaca que a Xunta canaliza os apoios ao emprendemento innovador non só mediante esta rede de aceleradoras senón, tamén, cunha liña de apoios para startups dotada con 1,5M€, que se convocou por primeira vez este ano e que está aberta ata finais deste mes
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na presentación da aceleradora Business Factory Climatech, especializada no sector ambiental, onde salientou o compromiso da Xunta por impulsar o emprendemento innovador e as empresas emerxentes.
A iniciativa, en colaboración co Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), está financiada nun 95% por fondos públicos. Conta cun investimento de 6,3M€, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e da Axencia Galega de Innovación (Gain), e nace co obxectivo de impulsar preto de 40 proxectos de emprendemento nos vindeiros 3 anos.
Trátase da primeira edición desta aceleradora -cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro día 30 de setembro-, que busca novas solucións tecnolóxicas en ámbitos como a economía circular e a descarbonización no sector primario: forestal, agrario, gandeiro e pesqueiro; nas materias primas e a industria; no sector téxtil; nos usos da auga; a construción con cero emisións; as cidades sostibles e a dixitalización para a sustentabilidade ambiental.
Esta business factory, na que colaboran empresas tractoras do sector, a Universidade de Vigo e Sogama, é parte da rede de aceleradoras da Xunta que coordina o Igape. Dela tamén forman parte a BFAuto, especializada no sector da automoción; a BFAero, no aeroespacial; a BFFood, no sector da alimentación; VíaGalicia, que abrangue o ámbito das TIC, o sector agroalimentario ou o téxtil, en colaboración co Consorcio da Zona Franca (Vigo e Lugo); e outras iniciativas como a BFMedicines, Agrobiotech, Bioincubatech, Galicia Avanza ou Turislab.
Esta rede de aceleradoras leva apoiado máis de 830 proxectos innovadores, dos cales 270 recibiron financiamento para a creación de novas empresas ou para a posta en marcha de proxectos en empresas xa existentes. E, ademais, contribuíu á promoción e impulso de 1.400 postos de traballo cualificados directos.
Lorenzana apuntou que a Xunta canaliza os apoios ao emprendemento innovador non só mediante esta rede de aceleradoras senón, tamén, cunha liña de apoios para startups dotada con 1,5M€, que se convocou por primeira vez este ano e que está aberta ata finais deste mes. Igualmente, insistiu en que a Administración autonómica está poñendo todos os medios ao seu alcance para dar resposta ás necesidades do tecido empresarial a través da Oficina Económica de Galicia, cun servizo de información e asesoramento á medida. A premisa, dixo, é desburocratizar e dar as máximas facilidades administrativas ás empresas. Ser unha administración amigable para o investimento e o emprendemento.