- A conselleira de Economía e Industria visitou hoxe as instalacións da empresa Caravanas Juan
- Sinalou que as medidas de apoio ao financiamento son a chave para lograr este obxectivo
O Porriño (Pontevedra), 6 de setembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o compromiso da Xunta co fomento da actividade empresarial e a implantación de pemes en Galicia para o que considera chave as medidas de apoio ao financiamento.
Lorenzana visitou hoxe as instalacións da empresa galega Caravanas Juan, especializada na venda de caravanas e autocaravanas e cun servizo de reparación e instalación de accesorios que a converten nun referente en Galicia no seu sector.
Segundo explicou a conselleira, esta compañía é unha das beneficiarias da liña de crédito para pemes e autónomos da Xunta que este ano acada os 17,5M€ e que permanecerá aberta ata o 30 de setembro. Trátase dunha liña de apoios para facilitarlle ás empresas galegas o acceso ao crédito e as mellores condicións de financiamento para fortalecer a súa solvencia.
Ademais, esta liña complementa o programa de préstamos directos da Xunta que teñen o obxectivo de mellorar as condicións de acceso ao crédito do tecido produtivo e que se acaba de ampliar ata os 50M€.
María Jesús Lorenzana lembrou que a isto hai que sumar a labor de acompañamento e asesoramento que desenvolve a Oficina Económica de Galicia, que desde a súa posta en marcha o pasado mes de abril, leva atendido xa máis de 5.000 consultas de empresas.